Vídeo

Paula Prado (PP) volve trabucarse: quen provocou a caída do ciclista na Volta foi un garda civil

O axente atravesou polo medio do pelotón e causou a caída do ciclista Javier Romo, que no momento de perder o equilibrio e acabar no chan xa superara sen atranco ningún a posición do manifestante ao que lle atribúen o trompazo.
o garda civil cruzou o pelñotón e provocou a caída do ciclista Javi Romo. (Foto: TDP)
O garda civil cruzou polo medio do pelotón e provocou a caída do ciclista Javi Romo. (Foto: TDP)

O final da 15ª etapa da Volta, con meta en Monforte de Lemos, rematou con 10 persoas detidas nas comarcas de Lugo e Terra de Lemos por manifestarse contra a presenza do equipo de Israel na competición ciclista. Foi a primeira xornada de protestas na Galiza tras as mobilizacións previas noutros puntos do Estado, durante a que se produciron cargas policiais contra os participantes propaslestinos en diferentes treitos da etapa.

As detencións efectuáronse por desorde pública "con perigo para a integridade das persoas", segundo trasladaron fontes coñecedoras das mesmas. Desta forma, oito leváronse a cabo no Corgo (comarca de Lugo) a cargo de axentes da Garda Civil e outras dúas foron realizadas en Monforte por efectivos da Policía española.

No paso da Volta polo Corgo, minutos antes das 16 horas, tivo lugar un episodio de tensión entre manifestantes e axentes da Garda Civil. Os participantes da protesta tentaron cortar a estrada e algúns deles foron reducidos polos axentes, tras o que se efectuaron un total de oito detencións.

Entre estas persoas arrestadas atópase un home que estivo involucrado noutro dos incidentes que se sucederon na xornada, e que todas as crónicas apuntan como responsábel da caída dun corredor, o ciclista do Movistar Team Javier Romo. Mais as imaxes aclaran os feitos e amosan como é un axente da Garda Civil o que se cruza por diante dos competidores e provoca en última instancia o desequilibrio e a caída de Romo

Como se puido ver na retransmisión, a 56 quilómetros do final, o manifestante acusado de causar a caída do ciclista e detido por este motivo, estaba situado entre árbores. Ao paso dos ciclistas correu na súa dirección e tropezou aos pés do pelotón, mais sen chegar a acceder á calzada e mesmo cando o participante que acabou no chan xa superara a súa posición. Foi entón cando un garda civil, que se dirixía cara a esta persoa, pasou polo medio do pelotón e provocou a caída de Javier Romo.

Todas as crónicas sinalaron o manifestante sen reparar nos feitos. Tamén a secretaria xeral do Partido Popular na Galiza, Paula Prado, quen no seu perfil de X acusou o manifestante propalestino cun vídeo de dous segundas que amosa a secuencia completa e que terxiversa o acontecido durante a 15ª etapa da Volta, sinalando, ademais, o BNG, cuxas formacións locais participaron nas protestas e cuxos membros figuran tamén entre as persoas detidas polas forzas de seguridade.

Após as primeiras detencións da xornada no concello do Corgo, rematada a etapa da Volta ciclista en Monforte, resultou detida a voceira municipal do BNG en Pantón e responsábel comarcal do BNG en LemosRosana Prieto. Tras os arrestos, ao redor de 50 persoas concentráronse diante da Comandancia da Garda Civil de Lugo.

Comentarios