O Parlamento debaterá crear unha comisión de investigación sobre Altri que o PPdeG xa adianta que quere frear

A oposición exixe explicacións á Xunta pola tramitación do proxecto en Palas de Rei, mentres os populares falan de “intereses espurios” tras a iniciativa

Olalla Rodil nun Pleno no Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)
Olalla Rodil nun Pleno no Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)

O pleno do Parlamento de Galiza debaterá a próxima semana a solicitude do Bloque Nacionalista Galego (BNG) para crear unha comisión de investigación sobre a tramitación do proxecto de Altri, unha iniciativa que o Partido Popular de Galicia (PPdeG) xa deixou entrever que non apoiará. A proposta será o primeiro punto da orde do día do pleno previsto para os días 10 e 11 de marzo. A viceportavoz nacionalista, Olalla Rodil, manifestou a súa confianza en que conte co respaldo de todos os grupos, aínda que o portavoz popular, Alberto Pazos, avanzou que o seu grupo tentará “poñer sentido común” e frear o que cualificou de “deriva moi prexudicial”.

En rolda de prensa tras a xunta de portavoces, Rodil explicou que a comisión pretende que a Xunta “dea moitas explicacións” sobre un proxecto que a multinacional portuguesa quería impulsar en Palas de Rei e á vista da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), adiantada por Nós Diarioque cuestiona a modificación da protección dos terreos onde se prevía a instalación.

A nacionalista preguntouse que informes técnicos avalaron a desprotección da zona da Serra do Careón e cando se tomou a decisión de descatalogala, se antes ou despois de que o PP impulsase o acordo con Altri a través de Impulsa. Ao seu xuízo, a Xunta debe aclarar se esa decisión formaba parte de “contrapartidas” incluídas nun suposto acordo “secreto”.

Pola súa parte, Alberto Pazos sostivo que o PPdeG tratará de “evidenciar os intereses espurios” que, ao seu entender, motivan a petición do BNG. Defendeu que a bancada popular pode “poñer un pouco de sentido común” e evitar que as comisións de investigación ocupen “a inmensa maioría da actividade” da Cámara. Ademais, asegurou que a actuación da Xunta foi “transparente en todos os termos que marca a lexislación” e que non teñen “nada que temer”.

Desde o Partido dos Socialistas de Galicia (PSdeG), a viceportavoz Elena Espinosa lembrou que a iniciativa fora inicialmente formulada polos socialistas, aínda que non contan cos deputados necesarios para rexistrala. En todo caso, reiterou que esixen “responsabilidades” e investigar todo o proceso, desde os seus inicios até o arquivo do proxecto.

Ademais, o BNG solicitara a comparecencia do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para explicar a decisión de “desprotexer a zona de amortecemento da Serra do Careón”, petición que, segundo denunciou Rodil, foi rexeitada polo PP. A formación nacionalista levará igualmente ao pleno unha interpelación ao Goberno galego para esclarecer “como se tomou a decisión ilegal de desprotexer” este espazo para “favorecer os intereses de Altri”.

Comentarios