Adega pide a dimisión da conselleira de Medio Ambiente tras a "primeira sentenza que trunca a viabilidade ambiental da celulosa"
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) deu esta sexta feira, 27 de febreiro, a primeira rolda de prensa logo de que o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) emitira unha sentenza, con data do 13 de febreiro e que avanzou en exclusiva Nós Diario, na que estima un recurso presentado pola asociación contra a resolución do Goberno galego relativa á Estratexia galega da infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxicas, que eliminaba de lugares protexidos a 'zona de amortecemento', que inclúe hábitats de interese comunitario e especies ameazadas, e que está situada no mesmo emprazamento no que se despregaría a macrocelulosa de Altri en Palas de Rei (A Ulloa). A sentenza declara que a Administración galega non "motivou" nin "xustificou" o cambio de criterio a respecto da protección da zona en cuestión.
"Esta resolución do TSXG supón o decaemento e a invalidez da Declaración de Impacto Ambiental (DIA). Sen este aval non hai proxecto, está morto, porque se elimina calquera expectativa de que a macrocelulosa se implante na área prevista". Esta é unha das principais conclusións que comunicaron en rolda de prensa a secretaria executiva de Adega, Belén Rodríguez, e o secretario técnico, Fins Eirexas.
Unha resolución xudicial que tamén serve de "salvagarda e preservación" para a Ulloa e a Serra do Careón, "porque se terá que volver incluír dentro de lugares protexidos", e que deixa en "evidencia" que "o Goberno da Xunta está disposto a amoldar e adaptar as normas e desprotexer o territorio para dar cabida a proxectos e empresas amigas", destacou Rodríguez. "O PP, a través dos seus cargos de Goberno, satisfai os intereses privados e non os públicos", engadiu.
Unha "manobra" que debería concluír coa dimisión da titular de Medio Ambiente, segundo consideraron desde Adega. "Reclamamos e exiximos a inmediata dimisión ou cesamento da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, porque para nós é a máxima artífice". Con todo, dubidaron de que "se asuman responsabilidades".
Adega non descartou tampouco que o arquivo de Altri, que anunciou a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lourenzá, o pasado 20 de febreiro, teña que ver coa "primeira resolución xudicial contra Altri e que foi emitida con data previa ao anuncio da Xunta", sinalou Rodríguez. Ao que Eirexas engadiu que, ademais, é "moito máis doado culpabilizar o Goberno do Estado e o seu presidente, Pedro Sánchez, de que o proxecto non vaia adiante que asumir a propia manipulación e ilegalidade porque a Xunta coñecía da existencia deses hábitats prioritarios e esas especies e agora terá que volver recuperar a declaración dese espazo protexido".
Entre as peticións da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza tamén está que se "resolvan expresamente e se desestimen os procedementos de autorización ambiental integrada (AAI) e de concesión de augas de Altri, ademais de declararse nula a DIA de marzo de 2025 e que se revogue a declaración de proxecto ambiental estratéxico con data de decembro do 2022". destacou Rodríguez. "Detrás deste anuncio do arquivo do proxecto ten que haber algunha resolución administrativa de negatoria. Estes procedementos aínda están abertos". Aínda que consideran que o proxecto da celulosa está "morto", desde a asociación ecoloxista exixen o feche deses expedientes administrativos porque a "ameaza continua".
Manter a "cautela"
Ante a "posibilidade" de que eses procesos non se resolvan, Belén Rodríguez reiterou que non se "descarta recorrer á Xustiza outra vez para obrigar a Xunta a facer o que ten facer: defender os intereses públicos". Ademais, entenden que hai que manter a "cautela" e que as mobilizacións sociais non decaian. "Ten que manterse até que exista esa negatoria, é o que agardamos e polo que tamén estamos a traballar".
A resposta da Xunta
Desde a Consellaría de Medio Ambiente responderon esta quinta feira, a preguntas de Nós Diario, que o que recorreu Adega é un "documento estratéxico previo que serviría de base para a futura identificación, declaración e cartografado oficial da infraestrutura verde na Galiza”. O departamento que dirixe Ángeles Vázquez afirma que "non se invalidan delimitacións nin declaracións definitivas, pois aínda se está coa primeira liña estratéxica que é de seleccionar e aprobar os espazos que se incluirán finalmente na infraestrutura verde". Por último, apuntan que "o mecanismo axeitado para garantir a protección das distintas zonas naturais é a avaliación ambiental dos proxectos".
Un espazo protexido
O terreo en cuestión estaba catalogado como 'zona de amortecemento' da Serra do Careón, incluída xa dentro da Rede Natura 2000 como zona de especial conservación (ZEC), unha figura clave para a protección de espazos naturais cun alto valor ecolóxico. Enténdense por zonas 'de amortecemento', tal e como recolle tamén a sentenza —e como recoñece a propia Xunta da Galiza—, aquelas conformadas por hábitats de interese comunitario de carácter prioritario, así como de hábitats para especies incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas e no Catálogo español de especies ameazadas, e están deseñadas para mitigar os impactos potenciais da actividade humana e protexer a biodiversidade na súa zona núcleo.


