Arnaldo Otegi asina o manifesto Abrolhar, que suma xa 400 apoios aos encausados na Operación Jaro

O portavoz nacional de EH Bildu e Pernando Barrena, responsábel de Relacións Políticas de Sortu, acrecentan a listaxe de persoas que piden o arquivo da causa que se mantén aberta contra 9 independentistas galegos a raíz daquel operativo policial.

Arnaldo-Otegi-antiguo-miembro-Batasuna_105500974_1727372_1706x960

Arnaldo Otegi e Pernando Barrena, portavoz nacional de EH Bildu e responsábel de Relacións Políticas de Sortu, veñen de se adherir ao manifesto Abrolhar, o documento que xa asinan máis de 400 persoas de diferentes ámbitos e que solicita o arquivo definitivo da causa que a Audiencia Nacional mantén aberta contra 9 independentistas galegos a raíz da Operación Jaro. A través desta sinatura, a esquerda abertzale volve evidenciar a súa solidariedade a apoio para coas persoas encausadas a raíz do operativo policial que decorreu a finais de 2015 en diferentes cidades e vilas de Galiza.

No manifesto exíxese o arquivo definitivo da causa penal aberta a nove independentistas  “no tribunal sucessor do TOP da ditadura”, en referencia á Audiencia Nacional. As persoas asinantes rexeitan “a montagem policial e judicial iniciada em 2015 contra umha organizaçom política e a sua militáncia” coa finalidade de “criminalizar e minorizar um posicionamento político” como o independentismo.

No documento tamén se reclama das autoridades españolas “o cessamento unilateral e imediato deste tipo de operativos” contra o independentismo. Por último, as persoas asinantes chaman a se sumar á manifestación que decorrerá en Compostela o vindeiro 23 de abril convocada polas nove persoas encausadas na ‘Jaro’.

Entre as asinantes figuran nomes da literatura como Fran P. Lorenzo, Rafa Villar, Sechu Sende ou Dani Salgado, debuxantes como Xosé L. González ‘O Carrabouxo’, historiadores como Dionisio Pereira ou Bernardo Máiz, músicos como Caxade, Marcos Paino (Xenreira, Galegoz, Das Kapital), O Leo, Keltoi, Paulo Tobío (Skarnio, Liska), o cantautor Tino Vaz ou intebrantes de Dakidarría e Os Derradeiros. Persoas con responsabilidades políticas que subscriben o manifesto son Ana Miranda (representante do BNG en Europa), os deputados do BNG Xosé L. Rivas ‘Mini’ (Parlamento de Galiza) e Ánxela Franco (pleno da Deputación da Coruña), así como José Emilio Vicente, da executiva nacional do Bloque, ou Ana Pérez, secretaria de Igualdade de Podemos-Galiza. 

Comentarios