Os Orzamentos e o 25-N marcan a semana no Parlamento

O parlamento galego nunha imaxe de arquivo. (Álvaro Ballesteros / Europa Press)
A meirande parte do traballo lexislativo da semana que comeza hoxe estará vinculado co 25-N ou co debate das contas de 2022, que se están a negociar no Parlamento.

O debate e votación das emendas á totalidade da oposición aos Orzamentos de 2022 hoxe, inicia unha semana determinada no lexislativo polo referente ás contas do segundo ano deste período parlamentar, e máis polo 25 de novembro, Día internacional da eliminación da violencia machista.

Acompañando as emendas aos Orzamentos de Bloque Nacionalista Galego (BNG) e Partido dos Socialistas da Galiza (PSdeG), nunhas contas de 11.627 millóns de euros, someteranse a debate e votación as emendas á totalidade na Lei de medidas fiscais e administrativas.

Os Orzamentos recibiron críticas desde a oposición por mor dos recortes en conciliación ou pola discriminación no repartimento que denuncia o interior da Galiza. Outro dos aspectos cuestionados e o aumento dos fondos para o ensino concertado ao tempo que se recortan 868 prazas de docentes no ensino público.

Con todo, un dos elementos que concitou máis rexeitamento foi unha emenda do propio Partido Popular para eliminar dos orzamentos un tramo na escala galega do Imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) para as persoas con ingresos superiores a 100.000 euros.

25-N

A quinta feira decorrerá o 25-N. Coincidindo coa xornada contra a violencia machista, discutiranse varias iniciativas relacionada con esta cuestión.

O BNG propón ampliar e reformar a rede de centros integrados, que só cobre 182 dos 313 concellos da Galiza. Asemade, reclama formación específica do persoal do Servizo Galego de Saúde e o retorno da presencialidade, así como unha avaliación do protocolo de coordinación interinstitucional.

Pola súa parte, o PSdeG introduciu unha proposición cunha batería de medidas aplicábeis pola Xunta da Galiza para evitar a violencia machista e abolir a prostitución.

Violencia dixital

Durante a semana está prevista a aprobación dunha reforma legal que incorpore a violencia dixital como un tipo de violencia machista, e na que se enmarcarán desde agora delitos como ciberacoso, extorsión sexual ou usurpación de identidade, cuxa incidencia medra entre a mocidade. Tamén se penarán os delitos vencellados coa utilización de servizos de xeolocalización.