Parlamento

A oposición vai en contra da lei de ordenación do territorio

O texto lexislativo segue o seu trámite parlamentar polo voto favorábel do PP na Cámara galega.
A conselleira de Medio Ambiente, Ángles Vázquez, na súa comparecencia na Cámara galega (Arxina).
photo_camera A conselleira de Medio Ambiente, Ángles Vázquez, na súa comparecencia na Cámara galega (Arxina).

A lei de ordenación do territorio vai seguir o seu trámite parlamentar pese aos argumentos contrarios expresados por todos os grupos da oposición onte no Parlamento da Galiza.

Esta lei, unha modificación da lexislación vixente aprobada en 1995, foi defendida pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, como unha "simplificación" da anterior e unha vía para "arranxar posíbeis desequilibrios" do país.

A conselleira destacou a figura dos "plans sectoriais" que, nas súas palabras, supoñen máis "celeridade", "eficacia" e "seguridade xurídica", ademais de "respectar o principio de autonomía municipal". Tamén salientou a implantación dos "Plans de Interese Autonómico (PIA)", descritos en 14 artigos da lei, que describiu como a "única figura de intervención directa no territorio", para "accións concretas".

No Pleno de onte na Cámara galega debatéronse as emendas á totalidade presentadas pola oposición, que resultaron rexeitadas ao completo pola maioría absoluta do Partido Popular. Os grupos presentarán as súas emendas parciais no debate en comisión que se iniciará agora.

A oposición referiuse á mesma lei que a conselleira, mais o resultado da súa análise non pode ser máis contrario. De maneira global PSdeG, Grupo Común da Esquerda, BNG e o Mixto (no que están as deputadas de En Marea) coincidiron en que esta norma "pon os intereses privados incluso por enriba dos públicos", como argumentou a socialista María Pierres. E, en concreto, cargaron contra a figura dos PIA por ser "un verdadeiro cabalo de Troia para favorecer que os axentes privados fagan e desfagan no territorio por enriba da planificación dos concellos", como sinalou o nacionalista Luís Bará.

Así mesmo, manifestaron que "as motivacións para modificar esta lei son falsas", como dixo Antón Sánchez desde Común da Esquerda, quen tamén criticou que o "86% dos plans sectoriais" aplicados até o de agora foron para "parques eólicos, empresas eléctricas, liñas de alta tensión e centrais hidroeléctricas".

Un texto que constitúe unha "ameza" para o territorio e un "risco de lesionar o principio de autonomía municipal", como sinalou Pierres. Sobre o que Luís Villares, desde o Grupo Mixto, afirmou que están dispostos "a darlle a volta" se hai vontade para debater por parte do PP. 

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios