Feixoo denuncia a "irresponsabilidade" do Estado polo baleirado dos encoros na bacía do Miño-Sil

O presidente galego acusa o Goberno de pór Galiza en risco ambiental en plena campaña de incendios.
Alberto Núñez Feixoo (Foto: Arxina).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo (Foto: Arxina).

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, censurou con dureza a actuación do Estado a respecto do baleirado de encoros na cunca Miño-Sil. Cualificouna de gran "irresponsabilidade" até o punto de pór Galiza en risco ambiental, tanto pola súa fauna e flora como polo perigo de incendios, cuxa temporada se estenderá até o mes de outono.

En declaracións aos medios, despois de que a semana pasada  as conselleiras de Medio Ambiente e de Infraestruturas pedisen explicacións ao Goberno estatal, Núñez Feixoo sinalou que a Xunta "non pode comprender o que ocorreu". "Parécenos un acto dunha enorme irresponsabilidade, cúmpranse ou non se cumpran os requisitos da confederación hidrográfica, do Ministerio para a Transición Ecolóxica, é unha irresponsabilidade que a cunca do Miño-Sil teña menos auga que a do Júcar", precisou, con varias presas por baixo de 25% da súa capacidade.

O preseidente galego concluíu que se trata dunha "irresponsabilidade de enorme transcendencia ecolóxica que Galiza non merece". "Estou a esperar aínda unha resposta do Miteco e da Confederación Hidrográfica e, de momento, a resposta é mutis polo foro e aínda por riba, que é legal", recriminou.

"Non sei se é legal ou non, pero é un disparate. É unha falta de respecto impropia ao Goberno galego e aos galegos. Non vin unha cousa así nos 12 anos que levo de presidente", sentenciou.

Risco de incendios

O presidente da Xunta destacou o impacto que pode ter na campaña de incendios o baixo nivel de auga almacenada nalgúns encoros da bacía do Miño-Sil. Sen saber como vai ser a incidencia dos lumes forestais nos meses de setembro e outubro, a experiencia dos últimos anos apunta un risco maior neste período, polo que recalcou que non "non se entende", en pleno mes de agosto, "a decisión de returbinar auga para especular co prezo da enerxía á conta da auga embalsada da cunca Miño-Sil", denunciou. Unha medida que, en caso de lume, obrigará os hidroavións a desprazarse uns "25 minutos" para poder cargar.

"Non o podemos aceptar, parécenos absolutamente impropio", mais por parte dun Goberno que "presume de estar a favor da ecoloxía".

Feixoo exixiu coñecer quen "é o responsábel desta autorización". 

Comentarios