A oposición culpa Rueda de "prexudicar" Galiza ao rexeitar a 'quita' da débeda

O PP galego asume o discurso de Feixoo contra a condonación
Paula Prado (PP), Ana Pontón (BNG) e José Ramón Gómez Besteiro (PSdeG). (Foto: Nós Diario)
Paula Prado (PP), Ana Pontón (BNG) e José Ramón Gómez Besteiro (PSdeG). (Foto: Nós Diario)

Os partidos da oposición no Parlamento galego volveron onte pedir ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que rectifique diante da súa negativa a aceptar a condonación –por parte do Estado– de até un terzo da débeda pública da Galiza, por importe de 4.010 millóns de euros, medida aprobada polo Goberno español esta mesma semana. Desde Valdeorras, onde se desprazou para avaliar sobre o terreo o impacto da vaga de incendios de agosto, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou que Galiza "non ten por que soportar esta traizón nin un presidente que está demostrando que é o presidente máis desleal da historia".

Pontón considerou “fundamental” que ningunha explotación agraria nin ningún sector económico se paralice despois dos lumes e que poidan continuar desenvolvendo a súa actividade, e apelou a que a “catástrofe” desta vaga de fogos sexa “un punto de inflexión” para "reordenar o territorio e apostar nun novo modelo forestal, fronte ás políticas do Goberno do PP que desprotexen o territorio”.

Nunha visita a persoas e zonas afectadas na comarca, Pontón dixo que “aceptar unha 'quita' de 4.000 millóns significaría ter máis recursos para poder atender as necesidades sociais e de recuperación dos lumes". Para a líder nacionalista, o "máis grave" é que o presidente da Xunta "non toma esta decisión pensando na Galiza, senón obedecendo as ordes que lle manda o PP desde Madrid". "Rueda está traizoando á Galiza cando non acepta esta 'quita' da débeda, e faino porque cando ten que escoller entre os intereses da Galiza e os do PP, sempre escolle o PP", remarcou.

Na mesma liña apuntou o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro. Nunha rolda de prensa desde Compostela, advertiu de que a negativa de Rueda supón “un claro prexuízo para Galiza” e responde "unicamente a un seguidismo obsceno do que lle marca [Alberto Núñez] Feixoo desde Madrid”. O líder socialista insistiu en que a medida “non só mellora a posición financeira" do país nos mercados, senón que “permite liberar 1.700 millóns anuais que agora se destinan á amortización e os xuros da débeda"; recursos que poderían empregarse en reforzar servizos públicos esenciais como a sanidade ou o benestar social, dixo Besteiro.

Segundo os cálculos que esgrimiu, “sete de cada dez euros da condonación van parar a territorios gobernados polo PP”, explicou. O líder socialista apelou á “vontade política da Xunta para acollerse ao mecanismo”.

O PP segue o discurso marcado por Feixoo

A pesar desta demanda de “rectificación” por parte de nacionalistas e socialistas, a secretaria xeral do PP na Galiza, Paula Prado, reiterou onte en rolda de prensa en Compostela que o seu partido e a Xunta manteñen a posición de non acollerse a esta condonación de débeda. Prado, que exhibiu como argumento unha fotografía do encontro entre o president catalán, Salvador Illa, e o ex president Carles Puigdemont, criticou “o concepto de normalidade” de BNG e PSdeG por “aplaudir que un presidente dunha comunidade autónoma se reúna cun prófugo da xustiza", e acusou nacionalistas e socialistas de "tentar enganar aos galegos” mediante “bulos”.

Asegurou Prado que a condonación é "un fraude e un negocio ruinoso para Galiza que só beneficia Pedro Sánchez e os seus socios independentistas". Un mantra que Núñez Feixoo vén repetindo nos últimos días.

Comentarios