A oposición no Concello de Ourense presenta unha moción conxunta sobre as obras da Avenida de Portugal
Os grupos municipais do PP, PSOE e BNG en Ourense rexistraron unha moción conxunta e de carácter urxente para o seu debate no pleno, coa que pretenden que o goberno local informe sobre a situación das obras da Avenida de Portugal e adopte medidas para por fin á súa paralización.
Os grupos municipais do PP, PSOE e BNG no Concello de Ourense presentaron unha moción conxunta e urxente para o seu debate no pleno, co obxectivo de instar o executivo local —encabezado por Gonzalo Pérez Xácome, de Democracia Ourensá— a dar explicacións sobre a paralización das obras na Avenida de Portugal e a avanzar na súa resolución, despois de que a empresa adxudicataria advertise de impagos.
Nun comunicado conxunto, as formacións da oposición critican a “falta de continuidade”, a “ausencia dunha planificación visíbel” e as “interrupcións reiteradas” que, segundo sinalan, marcaron o desenvolvemento dos traballos desde o seu inicio. Ao seu xuízo, esta situación está a provocar un “prexuízo evidente” tanto para a veciñanza como para o tecido comercial da zona.
Así, describen a avenida como unha “arteria aberta”, con actuacións inacabadas, presenza constante de materiais e obstáculos, dificultades tanto para o tránsito peonil como para o tráfico rodado, ademais dunha imaxe de deterioro urbano “impropia dunha cidade que aspira a ofrecer servizos públicos de calidade”.
Os grupos tamén reprochan ao goberno municipal a falta de información pública clara, a inexistencia dun calendario de execución coñecido e a ausencia dunha explicación detallada sobre as causas da paralización. Ao seu entender, todo isto evidencia unha xestión “deficiente”, baseada na improvisación e na falta de rendición de contas.
A maiores, denuncian a imposición de sancións á veciñanza nun contexto no que aseguran que a sinalización é “insuficiente ou inexistente”, o que se suma a problemas de seguridade e a importantes dificultades de acceso a vivendas, garaxes e estabelecementos.
Por todo isto, PP, PSOE e BNG reclaman ao goberno local que informe con urxencia sobre o estado completo do expediente, que presente un calendario de execución claro, público e detallado, que adopte medidas inmediatas de limpeza e acondicionamento da vía e que avalíe as perdas económicas ocasionadas. Así mesmo, solicitan a suspensión inmediata das sancións na zona afectada.

