O debut de Xácome na ópera remata en controversia nas redes sociais: "Eu a isto non che volvo"
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome (Democracia Ourensá), volveu situarse no centro da polémica tras unha publicación na súa conta de X na que compartía a súa opinión sobre a súa primeira experiencia na ópera. “Hoxe asistín á Traviata, a miña primeira ópera”, comezaba a súa mensaxe, en referencia á coñecida obra de La Traviata. A continuación, acompañaba o comentario cunha emoticona de aburrimento e ofrecía unha valoración que non deixou indiferente a ninguén: definía o xénero como “unha mestura de concerto de música clásica en bucle, misa solemne e cine mudo (letreiros con diálogos)”.
O rexedor remataba a publicación cun “sobre gustos non hai nada escrito” e engadía, con claridade: “Eu a isto non che volvo”. As reaccións non tardaron en chegar. Así, varias persoas usuarias criticaron o ton das súas palabras, con mensaxes que ían desde “a cultura vén, pero ti corres máis” até o refrán “non está feito o mel para a boca do asno”.
Lonxe de rebaixar a polémica, Xácome respondeu a algunhas destas críticas defendendo a súa postura. “Eu estudei música clásica, posibelmente máis ca ti, e non me gusta”, afirmou. Argumentando tamén que, aínda que adoita tocar blues ao piano, iso non implica que lle guste escoitar bandas dese estilo. Tamén cualificou certos comentarios como propios de “supremacistas culturais”.
Non faltaron tampouco as reaccións en clave irónica. Así, algúns usuarios compararon o alcalde co actor Timothée Chalamet, foco da polémica por unhas declaracións semellantes que, segundo algúns analistas, puideron mesmo costarlle o Óscar.
En definitiva, a publicación reabre o debate arredor do ton e do contido das intervencións públicas do rexedor ourensán nas redes sociais, un ámbito no que xa protagonizou diversas polémicas nos últimos anos.
