Autogoberno financeiro

O BNG presenta un plan para “termos unha banca pública como Brasil, Noruega ou incluso Alemaña”

Xavier Vence e Guillerme Vázquez solicitan que a Xunta “poña fin á comedia política que comezou coas caixas e facilite o crédito ao tecido produtivo”.

Vence e Guillerme, na sede do BNG
photo_camera Vence e Guillerme, na sede do BNG

“A economía deste país non pode esperar máis, necesita medidas para pórlle fin a este proceso de destrución”, afirmou Xavier Vence, economista e membro do Consello Nacional do BNG, que acompañado do voceiro nacional da formación, Guillerme Vázquez, presentou unha serie de achegas co obxectivo de que “Galiza se dote dunha banca pública que se converta nunha ferramenta de crédito para reactivar a economía produtiva”.

Guillerme lembrou que “incluso dentro do capitalismo” existen países onde a banca pública ten un importante peso, uníndose así á argumentación de Vence: “Todos os estados emerxentes fornecéronse cun músculo financeiro público, como ocorre en Brasil e outras nacións de América do Sur. Pero tamén en Noruega, en Austria ou incluso en Alemaña dáse esa circunstancia. A nivel local ou de landers existe unha rede de tamaño mediano na que reside boa parte do financiamento das pequenas empresas. En contra da idea neoliberal instalada a partir dos anos noventa, a banca pública é unha realidade existente”.

Vence explicou as fórmulas que o BNG considera acaidas para que Galiza poida contar cunha banca afastada do modelo privado. A máis viábel pasaría por “converter o 92% de Novacaixa Banco que agora pertence ao FROB nunha participación pública permanente transferida á Xunta”. Outra opción sería a creación dunha nova banca por parte do goberno galego, que só necesitaría 18 millóns de euros para botar a andar se ben, como é lóxico, tería que sumar despois una importante captación de aforro. Como terceira posibilidade, o Bloque lembra que tamén se podería renunciar ao proxecto de Novagalicia Banco e reconstruír unha caixa con control público a partir da “infravaloración” de 180 millóns de euros que aínda conserva NovaCaixaGalicia.

Pola súa parte, cun perfil máis político, Guillerme Vázquez, afirmou que a existencia dunha banca pública “demostra que existen alternativas ao pensamento único do capital financeiro”. “Queremos apostar polo tecido produtivo e o autogoberno de Galiza, ten que rematar a comedia que se iniciou coas caixas de aforro galegas vendidas a prezo de saldo como xa anunciara o BNG que ía a pasar. Estamos ante un fracaso de Feijóo, que ademais segue sen dar explicacións e escapa da comisión de investigación parlamentaria que solicitamos”. O voceiro do Bloque tamén falou da nova onda de recortes e apostou por unha “reforma fiscal para que dunha vez paguen máis os que máis teñen”.

Comentarios