Núñez Feixoo defende a vacinación obrigatoria "para exercer a sanidade ou o coidado de maiores"

Porén, recoñece que declarar a obrigatoriedade da vacina "non é posíbel" no marco normativo actual.
Alberto Núñez Feixoo (Foto: Arxina).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo (Foto: Arxina)

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, defende que a vacinación debería ser "obrigatoria" en determinados supostos e apunta aos traballadores sanitarios e a aqueles que se ocupan do coidado de maiores ou doutras persoas vulnerábeis. Se ben, recoñece que "non é posible" neste momento coas leis actuais que rexen no Estado.

Nunha entrevista concedida a Europa Press, Núñez Feixoo asegura que naqueles supostos nos que o traballo dunha persona ten relación directa con persoas vulnerábeis, ou enfermas, "creo que debería prevalecer a saúde pública xeral ante o feito individual da decisión ou non de vacinarse", defendeu.

Lei galega de saúde

"Da mesma forma que é obrigatorio por un cinto de seguridade no coche ou ter permiso de circulación especial para un vehículo de gran tonelaxe, creo que para exercer a sanidade ou o coidado de maiores é necesaria unha vacinación obrigatoria", abundou poucos días despois de que un acordo entre a Xunta e o Goberno estatal dese pé á retirada do recurso de inconstitucionalidade que presentara contra a reforma da Lei galega de saúde.

O principal discrepancia centrábase no apartado da vacinación, malia que a Xunta sempre defendeu que non fixaba a súa obrigatoriedade. Con todo, a disposición do Goberno galego a aclarar o carácter voluntario da vacina cunha disposición adicional puxo fin á batalla xudicial, unha vez o Tribunal Constitucional erguera xa a suspensión do resto de preceptos recorridos.

Mudar a lexislación

A título persoal, o xefe do Executivo galego reitera a súa disposición favorábel a lexislar a vacinación obrigatoria a nivel estatal, nos supostos mencionados co fin de "preservar o interese xeral".

No caso de que unha persona para a que a vacina estea sinalada como obrigatoria para exercer ese traballo insista en non facelo, é evidente que estariamos nun conflito de intereses. E que prevalece ante ese conflito de intereses? A saúde pública", resolveu.

Comentarios