O Goberno retira o recurso contra a Lei galega de saúde

O Executivo de Pedro Sánchez chegou a un acordo coa Xunta no capítulo de vacinación, deixando acreditado o seu carácter voluntario.

 

Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Xunta da Galiza).

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, anunciou esta cuarta feira que a Administración galega e o Executivo estatal chegaron a un acordo que dá pé a que o Goberno que dirixe Pedro Sánchez retire o recurso ante o Tribunal Constitucional contra a reforma da Lei galega de saúde.

Este paso chega despois de que o Constitucional acordase a semana pasada levantar a suspensión (no ámbito das medidas cautelares) de todos os preceptos que foran recorridos polo Executivo central a excepción do apartado relativo á vacinación. A Xunta sempre defendeu que a redacción da súa lei non implicaba facela "obrigatoria", pero o Goberno tiña dúbidas sobre a constitucionalidade dese punto.

Nunha rolda de prensa en Salvaterra de Miño, na comarca do Condado, Feixoo reivindicou a retirada do recurso de inconstitucionalidade como "un triunfo da razón e da política". Da "razón", interpretou o presidente galego, porque o Tribunal Constitucional "acaba de dicir que Galiza tiña razón e a lei é constitucional".

E "da política", engadiu, porque o Goberno acepta que "o lóxico", cando unha comunidade "ten razón", é "darlla" e non estar sometidos "a unha litixiosidade política, que non xurídica" como se estaba "até o de agora", afirmou.

Disposición adicional

"A lei galega de pandemias recobra o seu vigor", celebrou, antes de concretar que o que o Goberno pide a cambio é o que a Xunta "xa ofreceu hai meses: acreditar nunha disposición adicional que a vacina só se pode dispensar no ámbito da voluntariedade dos cidadáns mentres que non se modifique a lei orgánica estatal".

Neste punto, o presidente galego lembrou que esta "lei galega de pandemias" permite sancións "directas" a quen vulnere medidas sanitarias e, por exemplo, sálten unha corentena ditaminada por mor da pandemia. Con todo, aquelas decisións que afecten a dereitos fundamentais -como limitar reunións- requirirán de autorización xudicial previa.

Na súa intervención, Feixoo tamén destacou que se "acredita" que a norma galega "sempre foi legal" e que "unha lei de pandemias sería moi necesaria en España".

Comentarios