Nós asume os malos resultados mais reitera a necesidade do proxecto nacionalista para Galiza

“O nacionalismo sabe ben o que é caer e levantarse”, afirmou Carlos Callón no día en que o nacionalismo fica sen representación nas Cortes españolas após 19 anos consecutivos de presenza.

Nos candidatura galega

Caer e erguerse. Carlos Callón, cabeza de lista pola Coruña, afirmou na comparecencia dos candidatos de Nós para valorar os resultados que o nacionalismo coñece ben os dous. “Caemos”, dixo en referencia aos resultados, “mais imos levantarnos cun sorriso”, engadiu.

Embora os rostros serios e graves de militantes e simpatizantes nacionalistas que seguiron as novidades do reconto na compostelán Nave de Vidán, non faltaron os aplausos e ánimos para os candidatos. Desde un primeiro momento, pechadas as urnas e coas 'israelitas' a saír publicadas, asumiron que Nós podería ficar fóra do Parlamento. “'E moi fodido”, manifestaba un militante nacionalista, “porque creo que non se premia o inxente traballo que o nacionalismo fixo por este país no Congreso”. Encolleuse de ombreiros e apuntoou: “bon, mañá a seguir dando o callo”. Caer e erguerse

A primeira en tomar a palabra foi Noa Presas, nº1 por Ourense. Non puxo panos quentes. “Os resultados son malos, sen paliativos”. Ficar fóra do Congreso español non é algo negativo só para Nós, sinalou, senón tamén para Galiza. “Fixemos todo o posíbel, todo o que estaba nas nosas mans”, dixo a candidata ourensá, que reiterou que Galiza “precisa unha forza nacionalista que lle dea voz”.

A seguir interveu Olalla Rodil. “Recoñecemos que non fomos quen de contra-restar a campaña televisiva que centrou todo en catro forzas”, dixo a candidata de Nós por Lugo, que apontou que tamén noutros territorios como Euskal Herria o soberanismo sufriu as consecuencias. “Segumos convencidos de que este país precisa unha forza de nós e para nós”, concluíu.

"Proxección de futuro"

Os candidatos relevábanse na quenda de palabra entre os aplausos de militantes e simpatizantes. “É un momento duro” afirmou Carme Adán no comezo da súa intervención, que se amosou orgullosa do traballo feito durante a campaña por todas e cada unha das numerosas persoas implicadas ou que botaron unha man. “Este traballo”, dixo, “non remata aquí, ten proxección de futuro”.

Puxo o ramo Carlos Callón. “Non sempre David vence a Goliat. Non sempre David vence a catro Goliats”, sinalou o candidato pola Coruña. Como os compañeiros, recoñeceu os maos resultados e escorrentou a tentación de compadecerse. “A partir de mañá, seguiremos a carón dos colectivos sociais, da xente”, traballando para “construír o proxecto nacionalista que Galiza precisa”. O ribeirense enfatizou que o nacionalismo “está cargado de futuro” e que os resultados, por malos que sexan, non finiquitan a aposta nun proxecto propio para o país. Caer e erguerse.

Comentarios