“A monarquía española non nos representa”: os soberanistas non asisten á inauguración de lexislatura por Filipe VI

BNG, ERC, JxCat, EH Bildu e CUP subscriben un manifesto no que sitúan a monarquía española como unha “institución anacrónica”, que "non ten a lexitimidade dos nosos pobos nin lle recoñecemos ningunha función política".

BNG CUP ERC Bildu JxCar (@nestorrego)
photo_camera Mireia Vehí, Néstor Rego, laura Borrás, Oskar Matute e Gabriel Rufián após ler a declaración.

Tal e como xa anunciaran, as forzas soberanistas e independentistas non asistiron esta segunda feira á inauguración oficial da nova lexislatura no Congreso por parte do monarca español, Filipe VI. Unha hora antes de que o rei español interviñese na Cámara, representantes de BNG, ERC, JxCAt, CUP e Eh Bildu comparecían en Madrid perante a prensa para dar a coñecer a declaración ‘Non temos rei: Liberdade, Democracia, Repúblicas”.

Néstor Rego (BNG), Gabriel Rufián (ERC), Laura Borrás (Junts per Catalunya), Mireia Vehí (CUP) e Oskar Matute (EH Bildu) leron o manifesto nos seus respectivos idiomas. Unha declaración na que, afirman, “ a monarquía española non nos representa”. Representan medio cento de parlamentares: 29 deputados e deputadas e 20 senadores e senadoras.

"No camiño democrático cara á liberdade á que aspiramos, o rei non é un interlocutor válido para nós"

Afirman que a sociedade galega, vasca e catalá rexeitan ·maioritariamente” a monarquía española, unha “institución anacrónica”, “herdeira do franquismo” e que “se sustenta no obxectivo de manter e impor a unidade de España e as súas leis”.

Así, indican no documento, “nega os dereitos civís, políticos e nacionais aos nosos pobos. "No camiño democrático cara á liberdade á que aspiramos, o rei non é un interlocutor válido para nós ", continúa o manifesto, que asegura que Felipe VI "non ten a lexitimidade dos nosos pobos nin lle recoñecemos ningunha función política".

Finalmente, ERC, JxCat, CUP, Bildu e BNG afirman que a monarquía non responde aos "valores republicanos de liberdade, igualdade e democracia" e que é necesario "rachar coa herdanza, as bases e os valores representados polo rei e a súa figura". Fronte a iso, defenden: "Cremos que o rei e a monarquía deben deixar de exercer a súa tutela sobre a cidadanía e sobre os gobernos e os parlamentos". Só desa forma, conclúen, "pódense dar solucións baseándose no respecto á vontade popular, a liberdade e a democracia".

Comentarios