JORGE SUáREZ, ALCALDE DE FERROL

"Non quero que o tome como un menosprezo, pero Beiras debe xogar outro tipo de papel máis alá da candidatura"

Jorge Suárez, nunha imaxe de Radio Coruña

Jorge Suárez, alcalde de Ferrol, considera que Xosé Manuel Beiras non debería ser o candidato da Marea á Xunta nas eleccións galegas, “non quero que o tome como menosprezo, pero debe xogar outro tipo de papel máis alá da candidatura”.

Nunha entrevista concedida a Radio Coruña-Cadena Ser, Jorge Suárez apostou en resolver, de “forma inmediata”, a incógnita do candidato da Marea á presidencia da Xunta. Avogou en que a candidata ou candidato “non sexa sometido a ningún proceso de primarias”, pois quere que sexa “de consenso”.

Para o alcalde de Ferrol o ideal sería unha candidata, muller, de consenso, de esquerdas, unha cara nova, “un rostro amábel pero decidido”. Porén, non quixo dar nomes. Preguntado pola xornalista sobre se aludía a Yolanda Díaz, Suárez negouno. Dixo ao respeito que Díaz “vai facer un papel moi importante no Congreso. Creo que o seu lugar está aí e creo que non vai ser candidata”.

Preguntado sobre se ve a Beiras como candidato, Jorge Súarez, que apuntou que “Beiras e eu temos unha magnífica relación” e que “nos queremos moito”, admitiu que non o ve como candidato á presidencia da Xunta.“Non quero que o tome como un menosprezo, pero debe xogar outro tipo de papel máis alá da candidatura”. Concluíu advertindo de que “non son quen de poñer vetos a ningunha situación”.

"Quedan matices que interesan a un núcleo reducido de persoas de manter estatus ou siglas"

En relación ao debate sobre a fórmula de concorrencia da Marea ás eleccións galegas, Jorge Suárez apuntou que dá por feito que “acordo hai” pero recoñeceu que “quedan matices que interesan a un núcleo reducido de persoas de manter estatus ou siglas”.

O alcalde de Ferrol comparou a situación que viven as forzas que conforman a Marea coa película A vida de Brian, “cando un conglomerado de partidos trata de buscar un punto en común acontece como na Vida de Brian. Non sabemos como imos acabar, pero para min é secundario [o debate sobre a fórmula de concorrencia ás galegas] e o importante é o programa”.