Carolina Bescansa, aspirante á Secretaria Xeral de Podemos na Galiza

“Non é posíbel afrontar os retos de Galiza desde Madrid”

Despois de renunciar a ocupar a Secretaría Xeral de Podemos Galicia após ser proposta por Pablo Iglesias para o cargo, Carolina Bescansa (Compostela, 1971) deu o paso adiante e aspira a liderar na Galiza a formación política da que é fundadora. A tamén deputada de Podemos no Congreso admite sentirse ilusionada e convida as persoas inscritas a participar das votacións. Eis un extracto da entrevista publicada no número 319 de Sermos Galiza.

BESCANSA
photo_camera [Imaxe: SG] Carolina Bescansa

3Por que decide presentar a súa candidatura á Secretaría Xeral de Podemos na Galiza?

É unha honra para min ter recibido a petición de tantísimas persoas en Podemos que me animaron a dar o paso. Sentindo que había tanta xente que pensaba que eu podía axudar ao proceso político de cambio na Galiza, decidín asumir esta responsabilidade e liderar unha candidatura para dirixir Podemos Galicia.

Carmen Santos ten afirmado que a Secretaría Xeral de Podemos require un grande traballo interno. É posíbel realizar esta tarefa desde Madrid?

Non, claro. Por suposto que non é posíbel afrontar os retos de Galiza desde Madrid e penso que a ninguén se lle escapa que vou estar na Galiza, que vou traballar alí e que é perfectamente compatíbel con seguir asumindo as miñas responsabilidades no Congreso, e penso que pode ser moi útil para Galiza.

No caso de saír elixida incorporarase ao grupo confederal de En Marea?

Eu xa falei coa meirande parte dos membros do grupo confederal de En Marea, como é normal, no momento en que decidín dar este paso, tamén coa meirande parte dos voceiros das forzas aliadas, tamén como é normal, penso, e non sei se desde o punto de vista xurídico e regulamentario é posíbel a incorporación ao grupo de En Marea mais estou segura de que é posíbel artellar unha dinámica colaborativa e vou estar traballando con eles desde o minuto un se resulto elixida.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 318 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios