Ángeles Vázquez: "Non é inviábel realizar proxectos mineiros na Galiza"

Entrevistamos Ángeles Vázquez Mejuto, candidata número 1 do PP pola Coruña

2020062321315737077
photo_camera Ángeles Vázquez

—Que opina de que o PP disimule o logotipo na campaña?

Todo o mundo sabe quen é Feixoo e onde milita, ao igual que sabe quen son eu e onde milito. O de menos é o logotipo, e nunca está de máis dicir que o prioritario para nós é Galiza.  Nese sentido, onte presentamos un programa electoral de continuidade, porque se revalidamos o 12-X, ao día seguinte continuaremos coas certezas, fronte a outros que só teñen promesas. 

—Levamos meses en que o Estado e a Xunta se reprochan non iniciar o dragado da ría do Burgo (A Coruña). Como conselleira de Medio Ambiente, podería dicir cando comezarán as obras? 

Non se trata de botar a pelota duns a outros, senón de competencias, que neste caso son do Estado. A Xunta fixo un traballo bo coa depuración da ría, investindo máis de 100 millóns de euros e, aínda que non nos competa, facemos a exixencia para que o dragado sexa unha realidade. 

—Está a actividade mineira na súa folla de ruta para Galiza?

Non é inviábel realizar proxectos mineiros na Galiza. Eses proxectos teñen que ter os seus cumprimentos de carácter ambiental e a Administración ten que ser garantista como aconteceu no caso de Touro, onde o informe foi desfavorábel. Mais isto non quere dicir que non haxa proxectos que poidan saír adiante. 

—A semana pasada asinou un convenio coa empresa Ence. Considera que a pasteira debe continuar na ría de Pontevedra?

Ence ten autorización ambiental integrada e a Administración galega é das máis exixentes desde o punto de vista ambiental. Neste momento Ence está traballando, e moito. Poderemos discutir a situación da empresa de cara ao futuro, mais o que  non podemos é perder máis postos de traballo na Galiza. 

—Cales son as cuestións que o vindeiro Goberno galego debe atender de maneira urxente?  

Unha vez superamos a pandemia, o que non quere dicir que haxa rebrotes, hai outras pandemias para a provincia da Coruña: as sociais e as económicas. Neses dous eidos é onde nos temos que centrar e traballar para crear unha Galiza segura e, nese sentido, a sanidade é prioritaria. Así, unha das grandes apostas da Xunta foi ampliar o hospital da Coruña (CHUAC), como amosa a licitación con 400 millóns de euros, así como o hospital de Ferrol. No plano económico o fundamental é seguir avanzando en proxectos que son xa realidade, como o parque empresarial de Morás, en Arteixo, o maior da provincia.

Comentarios