Nin máis vivenda pública nin ampliar o SAF: o PP rexeita a grande maioría das propostas da oposición no Debate
Que teñen en común unha proposta de resolución presentada polo BNG de compra pública de vivenda para acadar, xunto coa nova construción, 16.000 novos pisos públicos en dúas lexislaturas cunha do PSdeG que demanda unha maior dotación para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) ou unha proposta de Democracia Ourensá a favor da mobilidade nas cidades? Recibir o 'non' do Partido Popular e, polo tanto, ser rexeitada no Parlamento galego. O destino do 90% das propostas da oposición.
Rematou o Debate do Estado da Nación (DEN) 2026, o terceiro de Alfonso Rueda como presidente do Goberno galego e o número 17 como membro do Consello da Xunta. A xornada final do debate de política xeral, esta sexta feira, pivotou sobre a defensa e votación das propostas der resolución presentadas polos grupos parlamentarios, un máximo de 40 cada un. As apelacións de Rueda no seu discurso neste DEN pondo en valor a "institucionalidade" da política galega fronte á do Goberno estatal non tiveron translación esta sexta feira á Cámara galega. O Partido Popular optou, un debate máis, por aplicar o rolo nas votacións. Das 120 propostas de resolución rexistradas pola oposición neste Debate do Estado da Nación só saíron adiante 12 —cinco delas mediante transaccións do PP—, apenas 10%. A gran maioría delas, presentadas polo deputado de Democracia Ourensá, Armando Oxea, ao que o PP apoiou en cinco propostas e acordou con el noutras catro. O PSdeG veu como lle aprobaban dúas. O PP chegou a un acordo co grupo socialista sobre un texto do PSdeG que pedía un plan de cultura que garanta a liberade e igualdade da cidadanía no seu acceso. Ademais, apoiou a iniciativa para instar a Xunta a garantir a dotación suficiente do profesorado de apoio.
Do BNG, porén, só se aprobou unha, que demanda da Xunta que faga un plan de xestión da auga. Populares e nacionalistas chegaron tamén a un acordo para que o Parlamento inste a Xunta a dirixirse ao Goberno estatal para solicitar a cogobernanza dos fondos europeos asignados na actualidade a Galiza e a transparencia da súa execución. Con estes resultados das votacións, o PP impediu a aprobación de nove de cada 10 das iniciativas rexistradas polo BNG, PSdeG e DO. De nos centrar nos dous principais grupos da oposición, nacionalista e socialista, o rexeitamento do PP chegou ao 97% das propostas de resolución. "Nin sequera respectan o pluralismo que hai nesta Cámara", resumiu esta sexta a viceportavoz do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, dirixíndose á bancada do PP: "Para vostedes a oposición é un estorbo". O portavoz do Partido Popular no debate, Pazos Couñago, respondeu cun "sinceramente, espero moi pouco desta oposición".
O que si saíu adiante esta sexta feira—e cos únicos votos a favor do PP— foi a resolución que recollía o anuncio "estrela" de Alfonso Rueda neste Debate do Estado da Nación: dificultar as baixas laborais. Os populares buscaron apoios a esta iniciativa para restrinxir o dereito ás baixas, mais sen éxito. Os populares enviaron a PSdeG e Democracia Ourensá unha oferta de acordo que concretaba que o Executivo autonómico debía presentar, nun prazo de tres meses, un plan integral co obxectivo de diminuír os niveis de absentismo laboral na Galiza. Nin socialistas nin DO responderon afirmativamente.
Así pois, as 40 propostas rexistradas polo PP foron, loxicamente, o grosso do que esta sexta feira recibiu o visto e prace no Parlamento. Delas, 27 (case 80%), eran exixencias e demandas dirixidas ao Goberno estatal. Entre elas, por exemplo, pedir que o Pazo de Meirás, en Sada (comarca da Coruña), sexa un espazo que non só lembre a ditadura de Franco senón tamén Pardo Bazán, ou reclamando unha condena a ETA .
Intervencións dos grupos
Antes da votación, os respectivos voceiros dos grupos subiron ao estrado para defender as súas propostas. Pazos Couñago reivindicou as medidas que ían quedar seladas na Cámara. Comezou a súa intervención cun recordatorio á oposición: "Rueda é quen goberna Galiza" e reivindicou un Executivo que chega "en perfecto estado de revista" ao ecuador da lexislatura. "Son as propostas da Galiza que goberna", afirmou Pazos, respecto das súas propostas de resolución, nunha intervención inzada de críticas cara ao BNG e o PSdeG.
A viceportavoz nacionalista na Cámara, Olalla Rodil, acusou o PP de querer fechar o Debate do Estado da Nación "sen unha soa proposta para resolver os problemas reais da xente" e acusou Rueda de "aplicar receitas fracasadas".
Fronte a “Arcadia feliz do PP”, contrapuxo Rodil, o BNG presenta unha alternativa centrada "en blindar os servizos públicos, pór a riqueza da Galiza ao servizo do seu desenvolvemento social e económico e "construír un país máis forte".
Pola súa parte, Lara Méndez, viceportavoz do PSdeG, acusou o Goberno galego dunha "demolición deliberada" de dereitos e servizos sociais e puxo as iniciativas do PSdeG como exemplo para frear esa deriva.
Por último, Armando Oxea (DO), defendeu que as súas propostas para Ourense "benefician toda Galiza".
Unanimidade en once das propostas
11 das 51 propostas de resolución debatidas esta sexta no debate de política xeral foron aprobadas por unanimidade. Entre elas, a única das 40 do BNG que saíu adiante, que pide elaborar antes de que finalice o ano un plan de xestión integral da auga que inclúa a planificación hidrolóxica, a protección dos ecosistemas acuáticos e a adaptación ao cambio climático. O consenso tamén se deu, entre outras cuestións, arredor da condena a ETA, do impulso do Centro de Protonterapia da Galiza, de pedir ao Goberno español "un maior compromiso coas infraestruturas de titularidade estatal na Galiza", seguir reclamando o rescate da AP-9 e a súa transferencia "íntegra" á Galiza e o reforzo das políticas de protección das vítimas de violencia de xénero.

