O Goberno do Estado ve "ilegal" o plan da Xunta para restrinxir o dereito ás baixas laborais e avanza que o recorrerá
A ministra de Traballo acusa o Goberno galego de afondar na privatización da saúde laboral.
A vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, asegurou esta quinta feira que se a Xunta da Galiza presenta, finalmente, o programa anunciado polo presidente Alfonso Rueda para reforzar o control sobre os posíbeis casos de fraude nas baixas laborais o Executivo estatal interporá recurso ante o Tribunal Constitucional.
Rueda avanzou na xornada inaugural do Debate do Estado da Nación que presentarán "nas próximas semanas" un programa "integral" que aspira a reforzar o control sobre os posíbeis casos de fraude nas baixas laborais –co foco nas enfermidades musculoesqueléticas ou de "psiquiatría menor"– e tamén prevé "reforzar o papel das mutuas" na revisión das incapacidades temporais.
Privatización da saúde dos traballadores
"É ilegal", sentenciou Yolanda Díaz en declaracións aos xornalistas antes de clausurar o proxecto itinerante 'Formación en Roteiro', desenvolvido pola Fundación Estatal para a Formación no Emprego e a Fundación Laboral da Construción, na Coruña.
Ao respecto, dixo que se a Xunta segue coa medida o Goberno español presentará un recurso de inconstitucionalidade "por invasión competencial". "Mata dous paxaros dun tiro, pon en cuestión a profesionalidade dos sanitarios públicos, a súa propia xestión da sanidade e está a privatizar esta xestión".
A vicepresidenta segunda argumentou, ademais, que a medida suporá privatizar "máis" algo que cualificou de "clave", en referencia á saúde dos traballadores e traballadoras. "A competencia, en primeiro lugar, é dos médicos e as médicas que decretan as baixas médicas en dúas materias de moita sensibilidade", recalcou tamén para insistir na interposición do recurso de inconstitucionalidade se a Xunta segue adiante coa medida.
