Néstor Rego insta o Estado a pór o sistema eléctrico baixo control público

Néstor Rego urxiu no "Congreso a cumprir coa Galiza" (Foto: Nós Diario)
O deputado nacionalista na Cámara Baixa exixe que se cumpra o acordo de investidura asinado entre o PSOE e o BNG, aumentar o investimento para a Galiza nos orzamentos do Estado, impulsar unha transición enerxética xusta e derrogar a reforma laboral.

Cumprir co acordo de investidura asinado entre o PSOE e o BNG, aumentar o investimento para a Galiza nos orzamentos do Estado, impulsar unha transición enerxética xusta e derrogar a reforma laboral. Eis as reivindicacións que puxo enriba da mesa esta cuarta feira, 10 de novmbro, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, após a comparecencia na Cámara Baixa do presidente do Goberno español, Pedro Sánchez. 

O nacionalista instou o Executivo a mudar o modelo de produción enerxética e a pór en marcha unha nova regulación do sector eléctrico, colocándoo "baixo control público para que responda ao interese social".

Alertou das condicións non explicitadas dos fondos europeos que poden derivar, advertiu, nunha nova onda de recortes en pensións, dereitos laborais ou portaxes en autovías e reclamou ao presidente que cumpra os acordos e invista máis na Galiza. Rego centrou a intervención no aumento dos prezos da enerxía eléctrica. “As medidas adoptadas polo Goberno non están a servir para atallar o problema da escala de prezos. Asistimos a unha actuación insólita por parte dun Goberno que se di progresista mais cede á presión do oligopolio eléctrico”, recriminou.

Así, defendeu mudar "o modelo de produción enerxética" promovido polo Executivo “absolutamente insustentábel, por moito que se trate de apoiar enerxías renovábeis como a eólica”. Na Galiza, con máis de 200 proxectos de parques e macroparques eólicos, "estamos diante dunha ofensiva de espolio enerxético para maior lucro dunhas poucas grandes empresas", alertou. 

O deputado nacionalista instou o Goberno a aumentar o financiamento da transición enerxética. “Pode facelo, por exemplo, nestes orzamentos do Estado, incrementando os recursos -especialmente na Galiza, onde acumulamos un déficit histórico  importantísimo- para a modernización da rede ferroviaria e a ampliación dos servizos de transporte público eficiente e sostíbel”.

Nese sentido, acrecentou que o Executivo español "debería absterse de aplicar medidas que pretende pasar por ecolóxicas e que realmente son fondamente antisociais e, no noso caso, antigalegas, como a aplicación de portaxes nas autovías”. Así, salientou que, sen alternativas de transporte público, "de ningún modo vai desincentivar o uso do vehículo privado, pola contra, representa un modelo de transición excluínte para as maiorías sociais e, no caso da Galiza, un lastre para o noso desenvolvemento social e económico que se viría a sumar ao que xa implica o pagamento da AP-9”. Nese sentido, Rego urxiu ao rescate da Autoestrada do Atlántico tras o informe da Unión Europea que declara ilegais as prórrogas da AP-9. “O que corresponde é proceder ao seu rescate en función do interese social e público”, sinaliou o deputado.

Para finalizar, o deputado nacionalista reclamou ao presidente español cumprir co acordo de investidura asinado co BNG e aumentar o investimento na Galiza. “Cumpran coa Galiza nos Orzamentos do Estado, impulsen unha transición realmente xusta e derroguen total e definitivamente a reforma laboral” concluiu.