Comeza o debate dos Orzamentos Xerais do Estado no Congreso

A ministra de Facenda fai un chamamento a aproveitar a chegada dos fondos europeos, ao tempo que Rego advirte que o seu voto non está decidido, e que o Goberno estatal ten que comprometerse coa Galiza.

A ministra de Facenda, María Jesús Montero, onte no Congreso. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
photo_camera A ministra de Facenda, María Jesús Montero, esta cuarta feira no Congreso. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

A ministra de Facenda do Estado español, María Jesús Montero, subiu esta cuarta feira á tribuna do Congreso dos Deputados para defender o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2022, despois de fechar a última semana os apoios mínimos dos socios lexislativos para que o plan sexa finalmente aprobado.

“Protexer a clase media e traballadora”, é, segundo Montero, o principal obxectivo dunhas contas que, sostivo, pretenden “revitalizar o Estado do benestar tras anos de recortes de Gobernos anteriores”.

Os fondos procedentes da Unión Europea ocuparon unha parte importante da súa intervención, na que os definiu “como o maior impulso transformador” desde 1978, “dificilmente pasará outro tren así”, afirmou. 

Ademais destacou que xa fora comprometido o 51% destes fondos, que no orzamento do vindeiro ano suporán unha inxección de 26.355 millóns de euros destinados principalmente a investimentos no eido da transición enerxética e da dixitalización.

Amais, para a ministra, os orzamentos son un “antídoto contra os populismos que propoñen solucións sinxelas a problemas complexos”, e defendeu que a intención do Executivo é que estas contas permitan encetar o resto da lexislatura.

Montero respondeu as críticas de PP, Vox e Ciudadanos, criticando que “se insulte á lixeira e se empreguen palabras coma chantaxe ou traizón, sabendo que é mentira e falso”.

Falta de investimentos na Galiza

O deputado do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, apuntou que aínda que non se presentou unha emenda á totalidade para dar unha oportunidade ao diálogo co Goberno estatal, o sentido do voto será decidido en función das negociacións, advertindo a PSOE e Unidas Podemos que teñen que “moverse e corrixir o atropelo aos intereses das galegas e galegos que realizaron coas contas de 2021”.

Nesa liña, alerta que o incremento do investimento territorializado en 242 millóns de euros non chega para “compensar o déficit histórico en investimentos, especialmente en infraestruturas, no noso país”, reclamando fondos para modernizar a rede ferroviaria e apostar con forza polas políticas sociais.

Comentarios