O naufraxio do 'Vila de Pitanxo' chegará en outubro ao Parlamento europeo

Familiares das vítimas comparecerán na Eurocámara, a petición do BNG, para trasladar as súas demandas.
Nova protesta das familias do 'Vila de Pitanxo'. (Foto: Pedro Davila / Europa Press)
photo_camera Unha das protestas das familias do 'Vila de Pitanxo'. (Foto: Pedro Davila / Europa Press)

As familias das vítimas do naufraxio do barco pesqueiro Vila de Pitanxo, afundido en augas de Terranova o pasado mes de febreiro, comparecerán o vindeiro 25 de outubro no Parlamento europeo a proposta do BNG.

Así, segundo vén de saber Nós Diario, a eurodeputada Ana Miranda solicitouno na comisión de Peticións e todos os grupos parlamentarios apoiárono por unanimidade.

Miranda xa adiantara esta cuestión na entrevista concedida a este xornal nesta quinta feira: "Nós, como parte do grupo Verdes-ALE, o cuarto da Eurocámara, votaremos a favor e instaremos a facer unha investigación. Ese será o primeiro paso".

Reunión co Papa

Esta mesma cuarta feira unha delegación de representantes das familias afectadas polo naufraxio desprazouse até a Cidade do Vaticano para reunirse co Papa Francisco I, un encontro breve que, porén, cualificaron de "positivo".

"Dixémoslle que queremos que se estude [o accidente] para evitar que volva suceder, que fixese seu ese obxectivo", apuntou a portavoz das familias, María José de Pazo.

As vítimas seguen a exixir ao Goberno estatal que baixe ao pecio e non se conforman co anuncio do Executivo de reconstruír o barco nunha maqueta para investigar o sucedido: "Por que se fai unha maqueta e non se baixa ao pecio para gravar e concluír tamén o que se di que se vai facer con esta maqueta?", cuestionou De Pazo.

Comentarios