Un músico galego na Arxentina: "Pagábanche 50 dólares por ir votar e entón votábamos a Fraga"

Unha entrevista a un músico arxentino na Radio Galega revela as prácticas de Fraga para gañar votos entre a comunidade de emigrantes.
Centro galego de Bos Aires (Nós Diario)
photo_camera Centro galego de Bos Aires (Nós Diario)

Juan Carlos Cambas vén de presentar o seu novo traballo, ‘A Viaxe’, no que rende homenaxe aos seus país, emigrantes galegos na Arxentina.

Esta sexta feira, no transcurso dunha entrevista na Radio Galega, o artista e produtor arxentino  sinalaba o difícil que era a vida para emigrantes como os seus pais, que puxeron “os seus pés e as súas esperanzas na Arxentina, buscando un futuro mellor para eles e as súas familias”. 

Nun momento da entrevista, no que Cambas apunta que no país americano hai máis votantes galegas que en Lugo e Ourense xuntas, o cantautor se sincera e recoñece que “tampouco coñeces moito do outro lado” do Atlántico, para de seguido facer unha lembranza inquietante.

“Teño cidadanía española desde os 18 anos e teño votado algunhas veces sen saber ben a quen votaba. Lembro que unha vez fora (Manuel) Fraga e levara como 400 quilos de polbo ao Centro Galego de Bos Aires e pagábanche 50 dólares por ir votar; entón todos votábamos a Fraga”. 

Esta afirmación espertou a curiosidade do xornalista, que lle preguntou que era iso dos 50 euros, ao que Cambas respondeu: “Cando ías ao correo dábanche un bono por 50 dólares”. “Pasan cousas moi raras”, engadía.

Comentarios