A mocidade decidirá a que destinar 100.000 euros do orzamento compostelán

A Xunta de Goberno local aprobou o protocolo contra a violencia sexual no ocio nocturno
A concelleira de Xuventude de Compostela, María Rozas, e a responsábel do departamento, Noela Vilas. (Foto: Concello de Compostela)
photo_camera A concelleira de Xuventude de Compostela, María Rozas, e a responsábel do departamento, Noela Vilas. (Foto: Concello de Compostela)

Mozas e mozos de entre 16 e 30 anos de Compostela, empadroados, estudantes ou traballadores, poderán decidir a que destinar 100.000 euros do orzamento do Concello para 2024 a través da proposta de orzamentos Compostela decide. 

O proceso iniciouse esta segunda feira, 4 de decembro, e durante este mes de decembro, en xaneiro e en febreiro poderanse presentar propostas. Neste caso, calquera cidadán ou cidadá pode presentar iniciativas, sen límite de idade. Esta primeira fase desenvolverase até o mes de febreiro.

A partir de aí, o departamento de Xuventude valoraraas e a continuación abrirase o proceso de votación. Aquí poderán votar todas as mozas e mozos nacidos entre 1994 e 2008 que residan, estuden ou traballen en Santiago, demostrando que teñen vínculo coa capital da Galiza. 

En concreto, segundo trasladou esta segunda feira a concelleira da área, María Rozas, destinaranse 100.000 euros a esta iniciativa, onde mozas e mozos poderán elixir actividades, festivais, concertos, concursos, talleres, accións formativa sou campañas de sensibilización, entre outras cousas. Non existen requisitos, aínda que o tope máximo de orzamento por proposta será de 15.000 euros. 

Violencia no ocio nocturno

A Xunta de Goberno compostelá deu tamén esta segunda feira luz verde ao texto do Protocolo para a abordaxe das violencias sexuais e lgtbifóbicas en espazos do ocio nocturno da capital, co obxectivo de "pór a disposición das persoas responsábeis e traballadoras dos estabelecementos unha ferramenta de apoio, así como diferentes estratexias e recursos, para a prevención, detección, atención e actuación de maneira coordinada nestas situacións". 

Comentarios