Ana Miranda leva á Comisión Europea a negativa da CIAF a investigar Angrois

A eurodeputada do Bloque preguntará tamén polos avances en seguridade ferroviaria.
Ana Miranda durante unha protesta das vítimas de Angrois. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ana Miranda durante unha protesta das vítimas de Angrois. (Foto: Nós Diario).

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, presentou onte unha pregunta á Comisión Europea para trasladarlle a negativa da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) a realizar unha nova investigación para esclarecer o accidente ferroviario de Angrois o 24 de xullo de 2013.

"Queremos saber se a Comisión coñece este feito tan grave e se van instar a CIAF a realizar unha investigación independente", precisou Ana Miranda, a teor dos requirimentos previos da Comisión para que se levase a cabo.

Fin das pescudas

A CIAF, organismo dependente do Ministerio de Transportes, vén de acordar que unha nova indagación sobre un "suceso xa investigado carece de fundamento", ao que Miranda alegou que "nunca tivo o máis mínimo interese en investigar as causas últimas do accidente do Alvia".

En 2016 a Axencia Ferroviaria Europea emitiu un informe no que sinalaba que a investigación realizada pol

a CIAF en 2014 non foi independente nin abordaba os elementos clave do accidente. Un ano máis tarde, en 2017, a Dirección Xeral de Mobilidade e Transportes instaba a CIAF a levar a cabo una investigación independente e en 2019 a Comisión Europea abriu procedemento de infracción contra o Estado español por incumprimento das obrigas de seguridade ferroviaria sobre a avaliación específica do control de riscos.

Seguridade ferroviaria

Agora, após a negativa da CIAF a iniciar un novo procedemento para esclarecer o ocorrido en Angrois, Miranda solicitou unha reunión coa Comisaria de Mobilidade e Transportes, Adina Valean, a quen lle transmitirá as dúbidas sobre os avances no cumprimento por parte do Estado español dos requirimentos sinalados no procedemento de infracción.

"Queremos saber que avances se teñen dado na mellora da seguridade ferroviaria", manifestou a eurodeputada do Bloque.

Por outro lado, Ana Miranda presentou outra pregunta sobre as manobras realizadas polo goberno do PP de Mariano Raxoi en 2016 para que a UE non revelase ou rebaixase as súas críticas á investigación da CIAF.

Ao respecto, a eurodeputada nacionalista pregunta á Comisión se coñece que a que era ministra de Fomento en 2013, Ana Pastor, advertiu á comisaria de Transportes nese momento, Violeta Bulc, de "medidas" se facía público un informe crítico con España e que o ministro de Exteriores, José Manuel García-Margallo, púxose en contacto co que era entón presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, neste mesmo sentido.

Comentarios