José Miñones toma posesión como delegado do Goberno

O novo delegado do Goberno español na Galiza, José Miñones, substitúe no cargo Javier Losada.
Xosé Miñones, delegado do Goberno na Galiza. (Foto: César Arxina / Europa Press)
photo_camera José Miñones, novo delegado do Goberno na Galiza. (Foto: César Arxina / Europa Press)

Esta quinta feira, 8 de abril, nun acto realizado ás 16 horas na sede da Delegación do Goberno estatal na Galiza, situada na cidade Coruña, tomou posesión do seu cargo José Miñones, ex alcalde de Ames e novo delegado do Goberno español na Galiza.

Miñones substitúe Javier Losada e converterase no undécimo delegado do Goberno na Galiza desde 1981, despois do seu nomeamento polo Consello de Ministros do 30 de marzo pasado.

Nas súas novas funcións, Miñones terá ao seu cargo a coordinación na Galiza da Policía, Garda Civil, Policía galega e os corpos de seguridade locais. Tamén exercerá a representación do Goberno do Estado na Galiza a cargo das catro subdelegacións provinciais, dirixidas por Pilar López-Rioboo na Coruña, Isabel Rodríguez en Lugo, Emilio González en Ourense, e Maica Larriba en Pontevedra.

O acto contou coa presenza de José Luis Ábalos, ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, que se reunirá esta sexta feira, 9 de abril, co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e coa alcaldesa da Coruña, Inés Rey.

José Miñones é doutor en Farmacia e investigador, e foi alcalde de Ames desde 2015 até o seu nomeamento como novo delegado do Goberno. Forma parte da executiva do PSdeG.

Antes de tomar posesión, Miñones agradeceu a confianza a Pedro Sánchez, presidente do Goberno do Estado, e explicou que afronta o reto “con ganas e ilusión”, tamén agradeceu as persoas que o acompañaron na política local.

O seu ascenso nas filas do PSOE confirmouse o pasado 15 de marzo, cando foi designado como único poñente do PSdG no Congreso Federal que o PSOE realizará o vindeiro 17 de outubro en València. Encargarase no Congreso Federal das áreas de municipalismo e medio rural.

Novo alcalde en Ames

O novo alcalde de Ames é Blas García, número tres da lista do PSdeG ao Consistorio, que foi elixido esta quinta feira, 8 de abril. pola noite nun pleno extraordinario na Casa da Cultura de Bertamiráns.

Media hora antes, desenvolveuse outro pleno extraordinario sen público para que Santiago Márquez Noya, número 9 da candidatura do PSdeG, tomara posesión do cargo de concelleiro ocupando a vacante que deixa Miñones.

O concello está gobernado por un tripartito entre PSdeG, BNG e Contigo Podemos.

Comentarios