Miles de persoas marchan en Compostela convocadas polo BNG no Día da Patria Galega

A manifestación partiu da Alameda da capital galega pasadas as 12 horas entre bandeiras, gaitas, bombos e consignas, e presidida por unha bandeira da Patria xigante.
Manifestación do BNG polo Día da Patria Galega. (Foto: Arxina)
Manifestación do BNG polo Día da Patria Galega. (Foto: Arxina)

Miles de persoas procedentes de todas as comarcas galegas marcharon esta sexta feira en manifestación polas rúas de Compostela convocadas polo BNG nunha grande mobilización polo Día da Patria Galega baixo o lema 'Galiza Sempre, unha nación en marcha pola súa soberanía'. A manifestación partiu da Alameda da capital galega pasadas as 12 horas entre bandeiras, gaitas, bombos e consignas, e presidida por unha bandeira da Patria xigante.

Manifestación do BNG polo Día da Patria Galega. (Foto: Arxina)
Manifestación do BNG polo Día da Patria Galega. (Foto: Arxina)

Nunha sexta feira na que a calor vai aumentando co paso das horas, para alén de bandeiras galegas, este 25 de xullo destacaban xa desde primeira hora outras que tradicionalmente estaban presentes este día mais que hoxe teñan unha presenza e forza especial: as palestinas. Os berros de 'Galiza-Palestina, solidariedade' escoitábanse na marcha.

No arranque da manifestación, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, apostou por "acoller no BNG todas as persoas que levan Galiza na cabeza e no corazón para ampliar o apoio social e electoral a un Bloque que quere ser a casa común de todos os galegos e as galegas".

"Fronte a corrupción rampante do bipartidismo parasitario, un BNG que nunca tivo un condenado por corrupción e que serve ao país coas mans limpas", expresou a portavoz do BNG, que tamén chamou á "urxente tarefa de defender a paz, a igualdade entre os pobos e a democracia".

Dirixentes do BNG durante a manifestación polo Día da Patria Galega. (Foto: Arxina)
Dirixentes do BNG durante a manifestación polo Día da Patria Galega. (Foto: Arxina)

Xa chegada a manifestación a unha abarrotada praza da Quintana, Pontón proclamou neste Día da Patria que Galiza "é unha nación pola que merece a pena loitar", e por iso o BNG volveu congregarse "non só para conmemorar senón para renovar un compromiso, un vínculo e un latexo compartido polos que estiveron antes, os que están agora e os que virán". "Esta Patria vale a pena defendela", sentenciou.

Cun BNG "no mellor momento da súa historia" e convencida de que "a sociedade galega iniciou un cambio que xa é imparábel", a líder nacionalista deixou claro que "a folla de ruta do Bloque pasa por chegar cada día a máis galegos e galegas".

"Co sorriso nos beizos e coa man tendida temos que acoller no BNG a todas as persoas que levan a Galiza na cabeza e no corazón, temos que ir transformando ese enorme amor ao país e esa esperanza nun futuro mellor en consciencia política e en apoio electoral. Ese é o noso labor primordial e o noso maior reto nestes intres históricos que vivimos", destacou na súa intervención. 

Comentarios