A manifestación polo Día da Patria Galega, desde dentro: "Se non reivindicamos nós a nosa terra, quen o vai facer?"
Miles de persoas reuníronse un ano máis para celebrar o Día da Patria Galega e reivindicar a nosa terra. Partindo desde a Alameda de Compostela, xente de todas as comarcas da Galiza e mesmo de alén do territorio galego decorreu polas rúas da capital na manifestación convocada polo BNG.
Entre a xente que asistiu ao encontro, desde Melide viñeron Saínza, Manolo, Mónica, María Oliva e Mariluz. Recalcan en conversa con este xornal a importancia desta data como "día de afirmación nacional", que aproveitan para "defender a terra" destacando a importancia de "protexela da fábrica de celulosa" que a multinacional Altri quere construír na Ulloa, facendo seu o lema "Altri non".
Esta reivindicación do país non recae únicamente nas persoas nadas na Galiza, e así o demostran Caramuxo, Arturo e Carlos. Aínda que os dous primeros son orixinarios de Cangas (O Morrazo) e de Allariz (comarca de Allariz-Maceda), Carlos procede Navia, en Asturias, unha zona galegofalante. Os tres recalcan que "sempre é importante reivindicar Galiza e, sobre todo, o noso idioma".
"É relevante todos os días, mais hoxe aínda máis", engaden, e advirten da cantidade de "inxustizas" que viven por falar a nosa lingua. "Hai que defender os dereitos da nosa nación", din. Unha loita que, lonxe de ir en decadencia, "é cada vez máis importante". Ano tras ano asisten a esta mobilización, mais non é a única: "Iremos a este e a todos os actos que reivindiquen a nosa nación".
Rodeadas polo son de gaitas, pandeiretas e bombos, mentres a multitude se prepara para a saída ás rúas da manifestación, chaman a atención unha bandeira e un sombreiro con motivos da bandeira da Galiza. Sandra e Sabela defínense como "galeguistas e nacionalistas". Veñen todos os anos á manifestación polo Día da Patria Galega desde Marantes, non só pola súa loita e o seu vínculo coa terra, senón como actividade que tamén desfrutan: "Vimos porque nos encanta o noso país e porque nos gusta a festa que se monta nesta data".
Os tres de Santiago de Compostela, Laura, Marta e Arturo perciben este día case como unha obriga como galegos: "Hai que reivindicar a nosa terra, porque, se non o facemos nós, quen o vai facer?".
En consonancia co seu sentimento, divísanse carteis alzados entre as cabezas do xentío que piden compromiso e actividade nesta loita á xente da terra: "Ei, galegos, somos ou non somos? Temos que ser!".
Tamén Alba e Ada acudiron á mobilización para reivindicar a nación galega. Coa bandeira de capa e unha camiseta en recordo á loita polo Prestige da plataforma Nunca Máis, remarcan a importancia desta data "porque é o día que temos para reivindicar a nosa terra, a nosa lingua e o noso país".
Tras elas comeza a mobilizarse a xente, un grupo de mulleres vestidas de negro recitan os primeiros cánticos da manifestación baixo os sons da percusión antes de iniciar a partida cara a praza da Quintana.