sábado 04.04.2020
5-A

Martiño Noriega, disposto a "non ir nin nas listas" se iso facilita unha candidatura conxunta da esquerda rupturista

O dirixente de Anova di ter a sensación de que Unidas Podemos "prefire un peor resultado" a "arriscar" e sumar coa formación que representa.

Martiño Noriega, durante a entrevista deste domingo (Europa Press / Cadena Ser)
Martiño Noriega, durante a entrevista deste domingo (Europa Press / Cadena Ser)

O responsábel de relacións políticas de Anova, Martiño Noriega, asegurou non ter "ningún problema" con "non ir nin nas listas" das eleccións ao Parlamento do 5 de abril se iso facilita unha candidatura conxunta da esquerda rupturista, onde tamén estivesen Podemos, Esquerda Unida e as mareas municipalistas.

Nunha entrevista concedida á Cadena Ser, o ex alcalde de Compostela dixo ter a sensación de que Unidas Podemos "prefire obter un peor resultado" nas urnas coa súa "posición estratexicamente lexítima" en lugar de "arriscar, ser audaces e ter valentía".

Despois de que o secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, insistise tamén este domingo en que a plataforma Galicia en Común é o espazo desde o cal sumar, Noriega sinalou que isto "non atende á demanda cidadá".

"A unidade popular non só é o federalismo de Unidas Podemos, é tamén o soberanismo, tamén o municipalismo, todo o que deu razón de ser aos resultados que obtivemos", explicou, rememorando os éxitos das mareas locais en 2015 e a segunda posición da xa rota plataforma En Marea nas eleccións parlamentarias de 2016.

Noriega non desbota que esta semana ─antes da sexta feira, 21 de febreiro, data límite para inscribir coalicións─ haxa un acordo entre Anova, Podemos e EU, mais cre que o problema está en que desde a formación morada "consideran que teñen a centralidade" do espectro rupturista. En calquera caso, asegurou que Anova estará nas eleccións do 5-A.

comentarios