En Marea di agora que tentará constituír grupo parlamentar aínda que non se apresentou como partido instrumental

Ao repetir a fórmula de coligazón (EU, Podemos e Anova), as hipóteses de a súa iniciativa prosperar son nulas.

En Marea
photo_camera Yolanda Díaz e Gómez Reino

Deputadas do mesmo partido político non poden facer parte de grupos parlamentares separados, indica o regulamento do Congreso e ese é o impedimento básico para que a coligazón En Marea poda conformar grupo parlamentar separado: non pode haber parlamentares de EU e Podemos encadrados en agrupacións diferentes.

A fórmula de salvar este obstáculo era formalmente sinxela: concorrer ás eleccións como partido instrumental, tal e como defendeu en van durante meses Anova sen éxito ao ficar en minoría face EU e Podemos.

En Marea enviou esta sexta feira un comunicado de imprensa en que manifesta a súa disposición a tentar a constitución do grupo. A pretensión non ten nengunha hipótese de suceso ao contar coa oposición de PP, PSOE e Cs.

Conscientes desa situación, En Marea afirma que na eventualidade de ese bloqueo se producir a coligazón "avaliará os diferentes escenarios e alianzas optando por aquel que lle dea unha maior autonomía e espazo e que lle permita aos seus parlamentarios unha maior efectividade á hora de defender os intereses de Galicia (sic) nas Cortes do Estado”.

É seguro que nesa tesitura os 2 deputados de Podemos (Gómez Reino e Ángela Rodríguez) e a parlamentar de IU (Yolanda Díaz) defenderán integrarse no grupo de Unidos Podemos que lidera Pablo Iglesias. A incógnita está nos dous representantes de Anova (Alexandra Fernández e Fernán Vello), mais todo indica que non racharán a coligazón -indo ao mixto, como Compromís- en vésperas das eleccións galegas e que, portanto, tamén engrosarán o grupo hexemonizado por Podemos.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios