Os alcaldes, por un candidato de consenso

Unha asemblea fixará as primarias e fórmula de concorrencia das mareas ás eleccións galegas

Os alcaldes de Compostela, A Coruña e Ferrol mantiveron un encontro con representantes das marés das cidades galegas. Esta sexta feira reuniranse coas organizacións que compoñen En Marea.

alcaldes mareas

Unha asemblea a realizar antes de que finalice o mes será quen determine como será o proceso de primarias e a fórmula de concorrencia ás eleccións galegas, así como o programa e outras cuestións. Unha asemblea, impulsada polos alcaldes de Compostela, Coruña e Ferrol, á que se pode chegar coa incógnita sobre a mesa sobre quen será o candidato.

Xulio Ferreiro (A Coruña), Martiño Noriega (Santiago de Compostela) e Jorge Suárez (Ferrol) comezaron os contactos coas mareas municipalistas para abordar a convocatoria desa asemblea na que se estableza cronograma e metodoloxía para a elección de candidatos e elaboración de programa electoral. Os tres rexedores, sinala Europa Press, están de acordo en que o candidato ten que obter o consenso de todos os axentes políticos, se ben se someterá a primarias igualmente, aínda que só sexan de ratificación.

Para realizar esta asemblea fican dúas semanas antes de que finalice xullo, o tope que os propios alcaldes se marcaron a este respecto.Ademais, está o proceso interno de Podemos Galiza, que esta fin de semana realiza as súas asembleas provinciais, paso previo para a convocatoria dunha asemblea galega e votación de todos os inscritos sobre a fórmula de concorrencia á cita electoral.

Comentarios