Luís Villares cre que En Marea é a “única forza progresista” capaz de apertar o Goberno do Estado

O portavoz de En Marea, Luís Villares, considera que o seu partido é "a única forza progresista galega" en situación de "pórlle os puntos sobre os íes" ao Goberno sobre as medidas que deben poñerse en marcha na Galiza, xa que Podemos, PSOE e BNG teñen "ataduras" polos seus pactos.
Luís Villares (Europa Press)
photo_camera Luís Villares (Europa Press).

Luís Villares defende que En Marea é a formación progresista galega con máis liberdade para apremar o Goberno do Estado, xa que Podemos, PSOE e BNG teñen "ataduras" derivadas dos seus pactos.

Así o manifestou nunha entrevista na Radio Galega recollida por Europa Press, na que asegurou que as eleccións galegas de 2020 "acabarán co réxime decrépito" do PPdeG, que "ten os días contados".

Sobre os comicios electorais, o portavoz de En Marea explicou que a súa formación "está disposta a dialogar para chegar a acordos" coa "intención" de que os seus votos "sumen eficazmente" co fin de constituír unha "maioría de progreso", ben sexa en solitario ou con outras forzas.

Cita electoral

Aínda que non negou contactos con BNG e Anova, Villares prefire "reservar" o contido das súas conversas e os pasos que vaia dando até a convocatoria das eleccións. Neste sentido “supón” que Feixoo non adiantará os comicios porque "non lle interesa equiparar o momento político ao debate de Catalunya".

En Marea tratará de construír un "espazo progresista galego ecoloxista, feminista e social". 

De cara a esa cita electoral, o líder de En Marea tratará de construír un "espazo progresista galego ecoloxista, feminista e social". Dentro destes principios, dixo, caben todas as forzas políticas progresistas galegas "soberanas", o que excluiría a Podemos e Esquerda Unida, xa que "dependen doutras forzas estatais que no pasado demostraron someter calquera acción política na Galiza ao seu partido" en Madrid.

Así, explicou Villares, as "políticas de alianza" con estas formacións quedarían para "despois das eleccións". Con todo, asegurou que non porá "liñas vermellas", límites que "casan mal coa política actual". Neste sentido, fixo un chamamento á "cooperación preelectoral" para "tecer alianzas amplas" que respondan a "a vontade cidadá".

"Horizonte de esperanza" fronte ao PP

O portavoz de En Marea ten "moi claro" que "os dereitos das maiorías sociais van por diante" das siglas do partido, de forma que "as alternativas a Feixoo" pasan por "dialogar necesariamente".

Luís Villares destacou o "perigo" que supón que o Partido Popular revalide o Goberno na Galiza. "Fai nada o PP dicía que non pactaba con ninguén e agora está con Vox", criticou, ademais de sinalar que "o PP vota en contra" de iniciativas para combater "a homofobia, o machismo" e doutras que favorecen "o autogoberno en Galiza", un xesto que na súa opinión "desacredita o discurso de Núñez Feixoo".

"As alternativas a Feixoo pasan por dialogar necesariamente".

Fronte a isto, En Marea trata de "ofrecer un horizonte de esperanza", tamén, a a día de hoxe, desde o Parlamento galego, onde, di, queren ter "reflexo institucional" a través da constitución dun grupo propio, despois de que a deputada Mariló Candedo se desmarcase de Común da Esquerda para situarse con Villares.

Comentarios