Lugo volve saír á rúa para exixir un "tren digno" que a conecte co resto da Galiza

Manifestación desta sexta feira en Lugo convocada polo BNG. (Foto: Nós Diario)
O BNG reivindica uns servizos ferroviarios "dignos e de calidade".

Centos de persoas participaron esta sexta feira na manifestación convocada en Lugo polo BNG baixo o lema "Lugo quere tren!", para reclamar uns servizos ferroviarios dignos para a cidade e a comarca.

A mobilización estivo encabezada polo tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, e polo deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, que interviron ao remate reclamando maiores investimentos para os servizos ferroviarios de Lugo.

Arroxo lamentou que de cara aos orzamentos do Estado de 2023, "a veciñanza de Lugo quede esquecida unha vez máis, converténdose na única cidade galega que queda fóra dunha rede ferroviaria moderna", explicou Arroxo.

Ademais, lembrou que o BNG recolleu durante 2022 "máis de 4.000 sinaturas da veciñanza de Lugo reclamando ao Goberno español un compromiso real con Lugo" e que esas sinaturas se entregaron no Ministerio de Transportes en Madrid.

"Histórica discriminación" da Galiza

Pola súa parte, Rego afirmou que "a Galiza sofre unha evidente e histórica discriminación en canto a investimentos, tanto por parte dos Gobernos do PP como do PSOE" e, engadiu, "isto tradúcese nun déficit en infraestruturas, equipamentos e servizos, particularmente no transporte ferroviario".

Aliás, afirmou que "a chegada do AVE á Galiza, con case 30 anos de atraso, só supuxo que agora sexa máis rápido ir en tren de Lugo a Madrid que de Lugo a Compostela". 

Así, o BNG reclama, como primeiros pasos, a modernización da vía Lugo-A Coruña -que se mantén se electrificar-, a conexión con Compostela e a recuperación dos servizos eliminados nos últimos anos. 

A formación sostén que Lugo é a única cidade da Galiza que non ten conexión directa por tren coa capital do país, un agravio que se podería resolver cunha obra de 27 quilómetros de vía para conectar as paradas de Curtis e Ordes, o que crearía un traxecto directo entre Lugo e Compostela.