A ex edil que denunciou o que fora alcalde de Ourense recorre a sentenza

Manuel Cabezas e Ricardo Campo foron xulgados por prevaricación e malversación de caudais públicos. A pesar diso, ningún dos dous foi condenado polo Tribunal Supremo.
O ex alcalde de Ourense Manuel Cabezas (dereita). (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
photo_camera O ex alcalde de Ourense Manuel Cabezas (dereita). (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

Áurea Souto, ex edil socialista na corporación municipal de Ourense que denunciou tanto o ex rexedor da cidade Manuel Cabezas, como o ex concelleiro de Urbanismo Ricardo Campo por un presunto caso de malversación e prevaricación polo coñecido como o ‘caso do 10%’, recorrerá a absolución de ambos ante o Tribunal Supremo. 

Os acusados foron exonerados polo propio Supremo

Foi concretamente a Sección Segunda da Audiencia Provincial de Ourense quen decidiu esta mesma semana eximir os dous imputados na causa.

A propia Audiencia Provincial considera que “non está acreditado” que os investigados “se aproveitaban” dos cargos públicos que ocupaban para “converter o patrimonio municipal en beneficios privados”.

Tanto o ex alcalde da cidade como o ex concelleiro de Urbanismo estaban acusados de eximir construtores e promotores da entrega ao patrimonio municipal do aproveitamento urbanístico do 10% en 15 proxectos de compensación de solo urbano non consolidado. Con todo, a Audiencia que os xulgaba determinou a súa absolución.

"Ficou claro o que sabiamos", dixo Soto

Áurea Souto, a ex edil que denunciou estes presuntos delitos por vía penal no 2014, coñeceu a sentenza absolutoria a pasada terza feira. 

“Ficou claro o que sabiamos. Está nos feitos probados da sentenza, ao longo de máis de 10 anos aprobáronse 15 proxectos de compensación perdendo o patrimonio municipal de solo. É un feito probado, non cumpriron a lei”, afirmou Souto, que engadiu, “foi un detrás doutro, co que se perdeu unha contía de 1.600.000 euros”.

Para a socialista, “non están todos os que son pero son todos os que están” e o xuízo “describe en negro sobre branco o que era o Concello de Ourense”. 

“Paréceme moi importante terminar o traballo así que que se pronuncien as últimas instancias, que fique claro o que era o Concello de Ourense cando nós o atopamos, o que nós tivemos que parar porque isto seguía pasando no ano 2003 cando entramos na oposición” asegurou. Para alén diso, Souto lembrou que o caso foi parado “desde dentro”, coas “consecuencias” que se coñecen. 

Todo isto, asegura que se ve reflectido na sentenza onde “se recolle que Ourense sistematicamente incumpría a lei coa posición singular que denomina o Consello de Contas”, é por este motivo que considera que é “preciso completar o traballo aínda que sexa complexo".

Comentarios