28-M

Laxe pide o voto para un PSOE que "dá solucións" e avisa: "Cando goberna a dereita, o que hai son leas"

O dirixente socialista arroupa en Narón o seu candidato á Alcaldía, Jorge Ulla.
Jorge Ulla, candidato socialista á Alcaldía de Narón, e José Manuel Laxe, secretario de Organización do partido. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Jorge Ulla, candidato socialista á Alcaldía de Narón, e José Manuel Laxe, secretario de Organización do partido. (Foto: Nós Diario)

O secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Laxe, pediu esta segunda feira o voto o próximo 28 de maio para un Partido Socialista que "dá solucións" aos problemas da cidadanía e avisou de que cando a dereita goberna as cidades, "o que hai son leas". "Leas permanentes, porque defenden outro tipo de intereses, non defenden os intereses xerais", manifestou o número dous dos socialistas galegos, que citou casos como os do Concello de Santiago durante a etapa do 'popular' Conde Roa como alcalde ou a situación actual de Ourense, logo de que o PP apoiase a Gonzálo Pérez Xácome como alcalde.

José Manuel Laxe pronunciouse nestes termos durante unha visita a Narón (Ferrolterra) na que arroupou o candidato do PSdeG á Alcaldía, Jorge Ulla, e onde asegurou que o PP é "sinónimo de inestabilidade e de non preocuparse polos problemas da xente".

"Cando goberna o PSOE vemos como as nosas prioridades están nos plans de reactivación económica e social das cidades, en mellorar a axuda a domicilio, en pór programas para atender aos maiores", destacou Laxe, que lembrou tamén que foi o Goberno de Pedro Sánchez o que tomou a "importante" decisión de revalorizar as pensións.

Neste senso, o dirixente socialista sostivo que o próximo 28 de maio "só hai dúas opcións": "Volver atrás das mans dos gobernos do Partido Popular ou avanzar, seguir mellorando da man do Partido Socialista e dos candidatos socialistas", afirmou para destacar que "as mulleres e os homes que encabezan as candidaturas do PSdeG son a maior garantía de progreso e de xustiza social".

Laxe salientou tamén que o Partido Socialista ten un "gran equipo de mulleres e de homes que van dar un novo impulso a Narón". "Narón necesita un novo impulso, necesita un selo socialista, unha marca de calidade nos concellos", sinalou, para destacar que "apostar por Jorge Ulla significa querer construír un Narón no que haxa máis xustiza social, máis crecemento económico e onde as axudas reciban máis axudas e novos proxectos".

No acto, e preguntado polas críticas realizadas nas súas redes sociais polo portavoz do grupo municipal do PSOE, David Pita, pola non celebración de primarias nesta localidade, Laxe limitouse a sinalar que o PSdeG espera "un cambio e un impulso" para Narón. "Estamos ante unha disxuntiva que é seguir cun goberno que está a administrar unha herdanza, eu diría que mal administrando, que ten moitos problemas e que non dá solución aos problemas que teñen os veciños" ou o apoio a "un magnifico candidato socialista, que é Jorge Ulla", cun "magnífico equipo de mulleres e homes" para que Narón "teña o mellor goberno posible", indicou.

Laxe e Ulla visitaron a obra do Parque Infantil da Constitución de Narón, unha obra que, segundo explicou o candidato socialista, acumula un "sobrecusto de 1 millón de euros" para "unha obra paralizada mentres hai unha lista de espera de 400 persoas que necesitan do Servizo de Axuda ao Fogar". A situación desta infraestrutura é o exemplo, dixo Ulla, das consecuencias da "falla de proxecto e de visión de cidade no seu conxunto" por parte da alcaldesa, que mantén o plan de urbanismo de Narón "paralizado dende hai máis de 20 anos". Defendeu o proxecto socialista para "formar cidade", que inclúe tapar as vías do tren e humanizar a cidade, implementando aparcamentos para residentes.

Comentarios