Política

O IVE abre o debate sobre un novo financiamento

O Goberno estatal di que "vai ser complicado" devolver os 370 millóns que se deben a Galiza.
photo_camera O hemiciclo do Parlamento galego (Nós Diario).

A débeda do Estado coa Galiza pola mensualidade do IVE de decembro 2017 continúa a ser un elemento de discordia entre a Xunta e a oposición. O único no que coinciden é en que eses cartos (200 millóns de euros do IVE e 170 millóns por cumprir coa estabilidade financeira) pertencen ás galegas.

Por un parte, o BNG apoia a xudicialización do asunto, como xa reclamara na Cámara galega hai uns meses. Aínda que tamén aposta por unha modificación no sistema de financiamento dos territorios do Estado ao considerar que o actual é "inxusto e discriminatorio" co país.

Esta reforma do modelo de financiamento tamén é apoiada polo resto das forzas da oposición. Concretamente, o Grupo Común da Esquerda apuntou que "é o momento de buscar solucións". A súa portavoz Luca Chao referiuse a crear un modelo que permita unha maior "autonomía" para recadar impostos a Galiza.

Neste sentido, o líder da oposición, o socialista Gonzalo Caballero, pediu tempo para o Goberno estatal que "leva tres semanas" e, sinalou, "non lle deron nin cen días para solucionar un problema xerado polo PP e que, cando se xerou, Feixoo aplaudía".

O portavoz socialista apostou por "artellar de forma coordinada" una solución ao pago da débeda que pase por ese novo modelo de financiamento que habería que negociar en Madrid ou por "incluír" nos orzamentos de 2020 este pago. "A nosa posición non cambiou, apostamos claramente por un financiamento potente para todos os territorios do Estado", aseverou o socialista.  

Pola súa banda, o voceiro de En Marea, Luís Villares, afirmou que "a vía xudicial non vai a ningún sitio". "É inaceptábel que, desde a mesma maneira que non aceptamos que Montoro chantaxease antes aos territorios do Estado, agora o PSOE chantaxee para que unha forza ou outra apoie os orzamentos", incidiu Villares, quen cre que Feixoo "non quixo arranxar" a situación do IVE "cando puido" porque "quería ter un motivo de rifa co Estado".

O Estado non ve "factíbel" pagar a débeda do IVE

A ministra de Política Territorial, Carolina Darias, manifestou onte que non ve "factíbel" que o Ministerio de Facenda poida devolver os 2.500 millóns de euros do IVE de 2017 aos territorios do Estado."Houbo unha oportunidade en 2019 e non se fixo. Non sei se será posíbel buscar vías, tentarémolo, pero creo que vai ser complicado", trasladou Darias.

Comentarios