O Goberno español non ve “factíbel” que Facenda devolva o IVE, do que lle debe a Galiza 200 millóns

EuropaPress_2602377_La_ministra_de_Hacienda_y_Portavoz_del_Gobierno_María_Jesús_Montero_y_la_ministra_de_Política_Territorial_y_Función_Pública_Carolina_Darias_tras_comparecer_en_rueda_de_prensa_tras_el_Consejo_de_Min
photo_camera A ministra de Facenda e Portavoz do Goberno, María Jesús Montero e a ministra de Política Territorial e Función Pública, Carolina Darias, após comparecer en rolda de prensa após o Consello de Ministros (Ediardo Parra, Europa Press)

A ministra de Política Territorial e Función Pública, Carolina Darias, non ve "factíbel" que o Ministerio de Facenda poida devolver os 2.500 millóns de euros do IVE autonómico de 2017 aos territorios do Estado, 200 deles a Galiza.

"Houbo unha oportunidade en 2019 e non se fixo. Non sei se será posíbel buscar vías, tentarémolo, pero creo que vai ser complicado", asegurou Darias nunha entrevista na Cadea SER, recollida por Europa Press.

A titular de Política Territorial e Función Pública insistiu na liña marcada pola ministra de Facenda, María Jesús Montoro, que a pasada semana responsabilizou da imposibilidade de devolver o IVE ao bloqueo do PP ao proxecto de Orzamentos de 2019 que corrixía o cambio normativo aprobado polo ex ministro Cristóbal Montoro.

"É verdade que hai temas que preocupan. Os temas de financiamento de IVE revísanse dous anos despois. Hai dificultades, un tema lexislativo que o impide. Á ministra de Facenda tócalle a papeleta", apuntou.

Así, e malia mostrarse optimista, Darias asegurou que a devolución do diñeiro é unha posibilidade pouco "factíbel", aínda que o Goberno español trata de atopar algunha "fenda". Ante este escenario, o Executivo enfróntase a un regueiro de denuncias nos tribunais por parte dos gobernos autonómicos do PP, pero tamén de polo menos dous socialistas, Castela-A Mancha e Aragón, dispostos a presentar a denuncia se non hai pago.

Por último, a ministra referiuse á reforma do modelo de financiamento das comunidades autónomas que o Goberno tratará de impulsar nesta lexislatura. "É un órdago complicado, pero é importante. Será posíbel? Non o sei, pero esperemos", resolveu.

Comentarios