Besteiro acusa Rueda de "non defender" o financiamento galego

O PSdeG alerta do "colapso" dos servizos públicos.
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, esta segunda feira. (Foto: Arxina)
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, esta segunda feira. (Foto: Arxina)

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acusou esta segunda feira o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, de "baixar a cabeza ante Feixoo" e asinar "un documento que prexudica directamente a Galiza", afirmando que "a negativa a negociar o financiamento galego non nace en San Caetano, nace en Génova". Segundo o socialista, Rueda "renunciou a defender un modelo de financiamento propio" que permita reforzar uns servizos públicos "claramente colapsados", como a sanidade, a dependencia ou as políticas de vivenda.

Besteiro lembrou que negociar un sistema de financiamento caducado hai 13 anos “non é unha opción, é unha obriga”, especialmente nun contexto no que Galiza acumula cifras que evidencian "o colapso dos servizos públicos", con máis de 350.000 persoas en lista de espera médica, 22.700 persoas agardando por unha vivenda pública e milleiros de galegos e de galegas que chegan a esperar até un ano para o recoñecemento da dependencia. “Se Rueda non é quen de sentar a defender Galiza, deberá pedir perdón á cidadanía pola súa covardía política”, advertiu.

O líder socialista afirmou que o Goberno estatal "puxo enriba da mesa unha proposta concreta de novo modelo de financiamento que garante que ningunha comunidade recibirá menos recursos e que incorpora máis de 21.000 millóns de euros adicionais ao sistema". Fronte a esa proposta, Besteiro denunciou que o PP "non ofrece ningunha alternativa". O socialista lembrou que, hai dous meses, Rueda recoñeceu que Galiza sofre un 'infrafinanciamento duns 500 millóns de euros, pero "agora se nega a negociar unha proposta que permitiría incorporar como mínimo 580 millóns de euros máis".

Finalmente, Besteiro advertiu tamén da situación do financiamento local e da "falta dunha proposta seria da Xunta para actualizar o modelo", especialmente en servizos como o de Axuda no Fogar (SAF).

Comentarios