Besteiro considera o novo modelo de financiamento proposto polo Goberno español "bo" e insta Rueda "a negociar" para melloralo

O socialista deu este domingo por fechada a crise orixinada no partido tras saltar o caso Tomé e reafirmouse na súa defensa da actuación da Dirección da formación, na que considera que non houbo erros.
José Ramón Gómez Besteiro. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
José Ramón Gómez Besteiro. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, cuestionado nunha entrevista pola súa valoración do modelo de financiamento autonómico, sinalou que "o modelo é bo, mais hai que afinar a letra e os números". Desta maneira, instou o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, "a negociar porque se pode mellorar".

O líder socialista ve tres posturas na Galiza. A do BNG, que cre que está "fóra do ámbito racional do financiamento" ao defender o concerto económico; a dos socialistas, que defenden un modelo "ben ancorado", e a do PP, que, ao seu xuízo, "non ten modelo".

Crise fechada

Por outra parte, o socialista deu este domingo por fechada a crise orixinada no partido tras saltar o caso Tomé e reafirmouse na súa defensa da actuación da Dirección da formación, na que considera que non houbo erros. "O que guiou a miña forma de actuar é o meu respecto absoluto ás posíbeis vítimas e aos seus tempos", afirmou.

Así se pronunciou este domingo nunha entrevista, onde analizou a súa actuación ante as denuncias por suposto acoso contra o entón presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a situación do partido tras o Comité Nacional que tivo lugar a pasada fin de semana. "Que teriamos que facer que non fixemos? O outro día no Comité Nacional ninguén contestou esa pregunta, por tanto a Dirección actuou correctamente", concluíu Besteiro.

Cuestionado por se actuou con contundencia, insistiu en que se iso sería "revelar a identidade dunha posíbel vítima". "E vulnerar o espazo que tiña para falar connosco, cousa que non fixo ningunha vítima", engadiu, ao tempo en que insistiu en que o que se fixo a Dirección foi "respectar a súa decisión [a da suposta vítima]".

Tamén negou que nalgún momento pensase en dimitir. "Quen debe dimitir é quen acosa", manifestou repetindo a frase que dixo durante a primeira rolda de prensa decorrida ao saltar o caso. "Se cometésemos algún erro, eu son o primeiro admitilo e en estabelecer responsabilidades, mais ese erro non se cometeu".

Comentarios