Insultos, intentos de agresión e obstrucións: un informe detalla o boicot dos concellos do PP á loita contra os incendios de 2006

Un informe do Servizo de Defensa Contra Incendios Forestais de 2006 describe algúns dos atrancos que puxeron os gobernos municipais do PP á extinción dos lumes que asolaron Galiza en 2006.
Brigada de extinción dun incendio declarado en 2024 no concello de Crecente (A Paradanta). (Foto: Adrián Irago / Europa Press)
Brigada de extinción dun incendio declarado en 2024 no concello de Crecente (A Paradanta). (Foto: Adrián Irago / Europa Press)

Hai dúas décadas, en 2006, unha vaga de incendios calcinou 96.000 hectáreas na Galiza. Desde o Condado a Fisterra, ducias de focos activos despregaron durante varias semanas os servizos contraincendios da Xunta da Galiza, gobernada entón polo PSdeG e o BNG.

Un informe dos fogos acontecidos durante a primeira quincena do mes de agosto daquel ano, asinado polo entón xefe do servizo provincial de prevención e extinción de incendios forestais da delegación de Pontevedra da Consellaría do Medio Rural, ao que tivo acceso Nós Diario, detalla o boicot dos concellos do PP ao traballo das brigadas e dos equipos de coordinación para a extinción dos lumes nos catro distritos forestais en que se dividían as zonas de intervención.

O informe recolle unha escolma dos partes diarios dos distintos xefes de distrito, que informaban sobre as incidencias durante as vaga de incendios en cada municipio afectado, ademais de actualizar o número de hectáreas queimadas, resume as consecuencias do lume para os núcleos de poboación, o gando e paisaxe e achega unha primeira hipótese sobre as posíbeis causas "das cinco mortes producidas durante o ataque incendiario na provincia".

No apartado de "incidencias", o informe fai referencia aos "obstáculos ou mesmo sabotaxes que se produciron por parte dos responsábeis municipais" dalgúns concellos. O informe apunta contadas excepcións nas que foi posíbel unha "boa colaboración" –A Estrada e Cerdedo (Terra de Montes)–, outras nas que non se tivo " apenas contacto" –Forcarei (Terra de Montes), Soutomaior, Fornelos de Montes ou Pazos de Borbén (Comarca de Vigo)– e moitas na que os equipos de coordinación e extinción tiveron que facer fronte "á nula colaboración dos gobernos municipais", nomeadamente das comarcas do Condado e A Paradanta.  "Poderíamos cualificar as actitudes dos rexedores e gobernos municipais como negativas para a extinción dos lumes".

Mentiras e ameazas

Os feitos que describe apuntan a ausencia de "rexedores e concelleiros" no lugar dos lumes até se alcanzar o nivel máis alto de emerxencia. A negativa do Concello da Caniza a pór a disposición das brigadas unha motobomba e os atrancos para que as motobombas dos dispositivo portugués cargasen auga nas piscinas municipais. As cargas de auga tamén se viron comprometidas no concello de Mondariz-Balneario. O alcalde permitiu unha única toma a un equipo chegado de Badaxoz co argumento que o lume que se dispoñían a apagar coa auga tirada dunha boca de rego do seu termo municipal ficaba fóra das súas fronteiras.

O informe recolle "avarías" e mesmo "vehículos agochados", presuntamente desprazos a outro incendio non rexistrados polos servizos de extinción da Xunta; así como insultos, ameazas e un intento de agresión por parte do alcalde de Crecente a compoñentes do retén da comunidade de montes da Gargamala e a un compoñente do retén do concello veciño de Covelo.

Declaracións e chamadas "ameazantes" tamén figuran no relato, por exemplo, por parte do alcalde das Neves (O Condado) "incitadoras á alteración dos veciños do seu concello en contra do operativo do Servizo de Defensa Contra Incendios Forestais no momento máis crítico e de maior risco para as casas". Ou do alcalde de Arbo (A Paradanta), a quen acusan de realizar unha chamada de "actitude inxuriosa", que nunha conversa posterior lograron calmar e "aclarar os malos entendidos".

O informe recolle ademais a negativa reiterada de varios concellos –A Lama, Barro, Ponte Caldelas (comarca de Pontevedra) e Valga (comarca de Caldas) a asinar o convenio de colaboración para a cesión de medios e a extinción de incendios.

Esta relación de negativas e obstáculos describen, na práctica, as ordes de boicot decretadas polo Partido Popular durante a vaga de incendios de 2006 e que animaba os seus alcaldes e alcaldesas a 'dilatar' a constitución de brigadas municipais contra os incendios.

Comentarios