Dúas décadas do boicot dos concellos do PP ás brigadas contraincendios da Xunta

En 2006 a Galiza tamén foi golpeada con dureza polos incendios. O PP, daquela na oposición, acusaba de “ineptos” o PSdeG e o BNG, que gobernaban en coalición,  por “non ser quen de conter os lumes”. Unha instrución dunha dirección provincial do PP animaba os seus alcaldes e alcaldesas a ‘dilatar’ a constitución de brigadas municipais contra os incendios.

alberto-nunez-feijoo-cuando-era-portavoz-del-pp-de-galicia-a-abril-del-2006-ep_4_800x450
Núñez Feixoo en 2009, cando era líder da oposición e presidente do PP da Galiza. (Foto: Europa Press)

Hai case 20 anos, en 2006, unha vaga de incendios percorreu non poucas comarcas da Galiza deixando un saldo desolador: 96.000 hectáreas queimadas. Os lumes foron aproveitados polo Partido Popular -daquela na oposición tras saír das eleccións de 2005 un Goberno de coalición entre PSdeG e BNG- para impulsar unha plataforma, SOS contra o Lume, á fronte da cal estaba José Antonio Landín, controvertido rexedor de Barro (comarca de Pontevedra), e facer dos incendios material inflamábel na area política, xusto o que o actual Goberno de Alfonso Rueda pide que non se faga agora.

Mais daquela a aposta do PP por usar o tema dos incendios foi máis aló de palabras altisonantes ou declaracións fóra de lugar. Houbo unha instrución da dirección provincial do PP -desvelada pola Cadea Ser- na que os populares instaban os seus alcaldes e alcaldesas a boicotear o dispositivo contraincendios da Xunta da Galiza.

Esta instrución tiña a súa base nun informe asinado por María Faraldo, daquela secretaria de Organización provincial do PP da Coruña, na que se apuntaba a unha “estratexia baseada na dilación” que retardase o proceso para constituír as brigadas municipais. Aconsellábase nese documento todo un proceder para dar a imaxe cara fóra de que  os concellos gobernados polo PP si estaban dispostos a asinar os convenios mais que era a Xunta coa súa lentitude e cambios normativos os responsábeis dos atrasos.

Ao se desvelar o contido do informe que apuntaba a ese boicot impulsado polos populares ao dispositivo contraincendios da Xunta da Galiza, e a preguntas da prensa, o líder daquela do PP na Galiza, Alberto Núñez Feixoo, limitouse a sinalar que se trataba dun “parágrafo infeliz”.

Un Feixoo que cargou a artillaría contra o Goberno galego pola súa xestión dos incendios. O PP negouse a participar na comisión de investigación sobre os incendios forestais que se constituíu no Parlamento galego – “é un paripé”, dixo- ao tempo que creaba estas comisións en máis de 100 concellos onde gobernaba. “Falaremos na rúa”, afirmou Núñez Feixoo. 

O 17 de setembro Compostela acollía a manifestación de SOS contra o lume, no que algúns cualificaron como o intento do PP de montar o seu Nunca Máis. Porén, a afluencia a esta mobilización foi moito menor das que movían as mobilizacións polo Prestige. A organización falou de 40.000 persoas, unha cifra que a Policía reducíu a 12.000. Entre elas, numerosos cargos e representantes do PP; con Mariano Raxoi, presidente do Partido Popular español, á fronte.

“A sociedade ten que saber quen son os criminais que están detrás destas actuacións”, afirmaba o líder do PP, que chegou a falar de “políticos ineptos que non  foron quen de conter en límites razoábeis o problema dos incendios forestais”. Unha frase que resoa hoxe, cando a vaga de lumes na Galiza xa superou as 73.000 hectáreas ardidas e na Presidencia do Goberno está quen fora a súa man dereita, Alfonso Rueda.

Comentarios