A violencia vicaria é tipificada como delito autónomo con agravante de xénero e penas de até tres anos

A ministra de Igualdade, Ana Redondo, asegurou en rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros e Ministras que se trata dunha "lei pioneira que vén dar resposta a todas as vítimas e os seus familiares, tipificando a violencia vicaria con penas específicas e con medidas civís reforzadas".
A ministra de Igualdade, Ana Redondo, esta terza feira 30 de setembro. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)
A ministra de Igualdade, Ana Redondo, esta terza feira 30 de setembro. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)

O Goberno español aprobou esta terza feira no Consello de Ministros e Ministras o anteproxecto de Lei Orgánica de medidas en materia de violencia vicaria, que tipifica esta como delito autónomo con agravante de xénero e contempla penas de até tres anos de prisión.

Neste sentido, a ministra de Igualdade, Ana Redondo, asegurou en rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros e Ministras que se trata dunha "lei pioneira que vén dar resposta a todas as vítimas e os seus familiares, tipificando a violencia vicaria con penas específicas e con medidas civís reforzadas".

Así mesmo, sinalou que a finalidade deste anteproxecto de lei é, en primeiro lugar, "visibilizar, recoñecer, previr, sancionar e erradicar a violencia vicaria" e, para iso, modifícanse diversas normas, concretamente a Lei Orgánica de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, o Código penal, o Código Civil, a Lei Orgánica do Poder Xudicial, a Lei Orgánica de Protección Xurídica do Menor e da Lei de Axuizamento Civil.

Entre os obxectivos deste anteproxecto está a definición xurídica da violencia vicaria, así como estabelecer a súa tipificación como delito, articular medidas de prevención e a atención e reparación das vítimas. A norma tamén busca dar cumprimento a medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e avanzar no recoñecemento da protección das persoas maiores de idade con discapacidade que se atopan en relación de dependencia respecto á vítima. Con respecto á definición xurídica de violencia vicaria, Redondo indicou que se modificou o artigo 1.4 da Lei Orgánica de medidas de protección integral contra a violencia de xénero.

Ademais, estabeleceu que a violencia vicaria é "aquela violencia que, co obxectivo de causar dor ou sufrimento ás mulleres, pode exercerse sobre os fillos e fillas ou descendentes, persoas menores de idade suxeitas á súa tutela ou garda e custodia, os ascendentes ou irmáns e irmás desta, así como a súa parella ou anteriores parellas, aínda que non exista convivencia".

Tamén se tipifica a violencia vicaria no Código penal. Para iso, incorpórase un novo artigo 173 bis, como un delito contra a integridade moral e que contempla unha pena de prisión de seis meses a tres anos. Esta modificación converte a violencia vicaria nun delito autónomo con agravante de xénero e sancións acumuladas. Nesta mesma liña, a ministra apuntou que tamén se incorporan penas accesorias como a prohibición de portar armas por un tempo definido entre os tres anos e os cinco anos.

Por outra parte, incorpórase ao Código penal unha nova pena que consiste na prohibición de publicar ou difundir mensaxes, textos, imaxes ou outros contidos que teñan relación directa co delito cometido. Por tanto, prohibirá libros como o do escritor Luisgé Martín sobre o caso de José Bretón, asasino de Ruth e José, os fillos de Ruth Ortiz.

"Afortunadamente, a sociedade acompañou á vítima. A sociedade nese momento foi por diante mesmo da lei. O que queremos nesta ocasión é que a lei acompañe á sociedade nese reproche que se fixo naquela ocasión. E, por outro, lado tamén queremos adiantar as solucións", recalcou Redondo en referencia ao caso de Bretón.

Así mesmo, o anteproxecto tamén contempla modificacións no Código Civil, en concreto do artigo 92.6 sobre o réxime de garda e custodia, a través do cal se estabelece a obrigación de escoitar en todo caso aos fillas e fillos menores de idade, así como aos maiores con discapacidade, antes de acordar o réxime de garda e custodia.

En adición, modifícase tamén o artigo 94 do Código Civil co obxectivo de reforzar a fundamentación á hora de estabelecer na resolución motivada un réxime de visitas, comunicación ou estancia cando o proxenitor está inmerso nun proceso penal de violencia doméstica ou de xénero.

Da mesma maneira, Redondo avanzou cambios na Lei orgánica de Protección Xurídica do menor e a Lei de Axuizamento Civil para incluír expresamente a exposición da persoa menor de idade á violencia vicaria entre os indicadores para considerar unha situación de risco para a persoa menor de idade.

Ademais, van axilizar os procedementos de patria potestade, modificando o artigo 748 da Lei de Axuizamento Civil, co obxectivo de que a patria potestade se tramite por xuízo verbal e que poida acumularse ás accións de divorcio e medidas provisionais.

Un total de 65 crianzas asasinadas por violencia vicaria desde 2013

A ministra lembrou que, desde que hai rexistros, en 2013, un total de 65 crianzas foron asasinadas por violencia vicaria. Mentres, en 2024, foron nove os e as menores asasinadas e tres no que vai de 2025. Redondo tamén destacou a importancia de "protexer as vítimas, mais tamén concienciar á sociedade sobre a necesidade de acabar con estas violencias tan radicais, tan salvaxes, tan absolutamente inconcibíbeis".

Comentarios