García Comesaña comparecerá a vindeira semana para explicar a xestión da quinta vaga

A comparecencia terá lugar a terza feira no Parlamento, nun pleno extraordinario con dous asuntos na orde do día: o debate do teito de gasto e a propia participación do conselleiro de Sanidade.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no Parlamento. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no Parlamento. (Foto: Xunta da Galiza)

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, comparecerá nun pleno extraordinario a vindeira terza feira, 3 de agosto, para explicar a xestión da quinta onda da pandemia da Covid, tras aprobalo a deputación permanente por unanimidade a petición do BNG.

Rastrexadores e atención primaria

Ao respecto, a deputada nacionalista Montse Prado remarcou que "a comparecencia do conselleiro é máis que precisa" para "explicar" os "datos preocupantes" da quinta vaga de coronavirus.

Así, incidiu en que García Comesaña debería dar conta doutras cuestións como "por que non hai rastrexadores en número suficiente", a situación dunha atención primaria "totalmente colapsada", a  autocita para adolescentes e en suma "a descoordinación" en canto ás medidas para combater a crise sanitaria.

Déficit de camas e pediatras

Desde o PSOE, o deputado Pablo Arangüena chamou a non "descoidarse" porque o virus pode experimentar "mutacións perigosas", malia que España está a ser dos países "que máis vacina" e con "máis porcentaxe de poboación vacinada", un "éxito do que Feixoo dubidaba, dixo.

Con este "campo abonado para futuras mutacións", reclamou "reforzar" o sistema de rastrexo e de saúde pública e mostrouse preocupado ao saber "que o Goberno do PP pechou 600 camas, que non se cobren as baixas, que hai un déficit crónico de pediatras e que os centros de saúde están desbordados", detallou entre outras cuestións.

Capacidade de xestión

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, rexeitou "ter un debate sanitario" nesta reunión da deputación permanente e, sobre a petición dun pleno extraordinario para que compareza o conselleiro, dixo que cre "que é bo que veña o conselleiro para ver se esta vez son capaces (os grupos da oposición) de recoñecer a capacidade de xestión" do Goberno galego, e tamén en favor da "transparencia" do Executivo.

"A Xunta está a xestionar esta quinta onda creo que con acerto", replicou ás críticas, antes de enumerar algunhas das medidas adoptadas. Malia precisar que, ao seu entender, "o razoábel sería esperar ao fin do ciclo epidemiolóxico para que o conselleiro comparecese nesta Cámara", finalmente o PP votou a favor.

Comentarios