Galiza está entre as autonomías que menos achega á dependencia cun 65,1%, segundo Xerentes de Servizos Sociais

Galiza está empatada con Andalucía e só supera á Rioxa (61,4%) e a Castela e León (63,2%). En cambio, as que máis achegan son Euskadi (84%), Nafarroa (81%) e Balears (80,6%).
Galia está entre as autonomías que menos achega á dependencia. (Foto: Xunta da Galiza)
Galia está entre as autonomías que menos achega á dependencia. (Foto: Xunta da Galiza)

Galiza sitúase entre as comunidades autónomas que menos porcentaxe achegaron ao sistema de dependencia en 2024, cun 65,1%. Está empatada con Andalucía e só supera á Rioxa (61,4%) e a Castela e León (63,2%). En cambio, as que máis achegan son Euskadi (84%), Nafarroa (81%) e Balears (80,6%).

Son cifras recompiladas pola Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais, que advirte de que o Goberno estatal "reduciu ao 27,1% (1,5 puntos porcentuais menos)" a súa porcentaxe de financiamento do Sistema da Dependencia en 2024, achegando un total de "3.478 millóns de euros (5,6% máis)" que o ano anterior.

Mentres, sinala que as comunidades autónomas financiaron, como media, o 72,9% do sistema da dependencia, cun total de 9.365 millóns de euros (13,8% máis que en 2023). Tal e como sinalaron desde a asociación noutras ocasións, o financiamento desexábel sería ao 50% entre as autonomías e a administración estatal.

Así, os Xerentes de Servizos Sociais apuntan a un cambio de tendencia con respecto á porcentaxe achegada polas comunidades e o Estado. En concreto, explican que o peso relativo do financiamento autonómico fronte ao estatal durante o período 2012 a 2020 presentaba unha "tendencia alcista" que "rompe" en 2021, polo incremento no financiamento achegado pola Administración estatal mediante o plan de choque.

Desta forma, engade que o peso das autonomías no financiamento caeu 13% entre os anos 2020 e 2023, porque a administración estatal reforza o financiamento. Con todo, "en 2024 volve incrementarse rompendo a tendencia catro anos despois".

A asociación precisa que a Administración Xeral do Estado incrementou en "185 millóns de euros" o seu gasto en dependencia debido á súa obrigación de soportar o nivel mínimo de financiamento correspondente ás persoas beneficiarias da Lei, ao incrementarse o número de persoas atendidas.

Aínda que, puntualiza que este incremento do gasto foi "por imperativo legal, mais non por compromiso político, xa que non existiu incremento orzamentario para a dependencia por parte do Goberno estatal, o que supuxo que se reducise a súa porcentaxe no financiamento do Sistema".

Con rescpecto ao gasto anual medio por persoa beneficiaria a nivel estatal, a asociación expón que foi de 8.592 euros, dos cales "a AGE achegou 2.327 euros en concepto de nivel mínimo de protección e as comunidades autónomas 6.267 euros".

Segundo os datos recompilados pola asociación, a comunidade que destinou maior cantidade económica por persoa beneficiaria foi Euskadi con 13.554 euros anuais. Esta cantidade case duplica o gasto da comunidade que menos investiu, que foi Andalucía, con 7.173 euros anuais.

Comentarios