Política

Galicia en Común-Anova exixen á Xunta que faga test de COVID-19 a todas as usuarias e ao persoal de residencias

O portavoz da coalición, Antón Gómez-Reino, insistiu na urxente necesidade de que o Goberno galego "interveña as residencias de maiores" e leve a cabo "a súa medicalización inmediata".
Martiño Noriega, Antón Gómez-Reino e Eva Solla nunha rolda de prena (Galicia en Común).
photo_camera Martiño Noriega, Antón Gómez-Reino e Eva Solla nunha rolda de prena (Galicia en Común).

Galicia en Común-Anova Mareas exixiu esta segunda feira á Xunta da Galiza que "proceda a someter aos test da COVID-19 a todas as residentes e coidadoras" dos centros para a terceira idade do país

O portavoz da coalición, Antón Gómez-Reino, insistiu na urxente necesidade de que o Goberno galego "interveña as residencias de maiores" e leve a cabo "a súa medicalización inmediata" para garantir "a correcta atención ás súas usuarias e a protección das súas traballadoras".

"Non se trata só de protexer as vidas, a saúde e o benestar dos nosos maiores e de quen os coidan, e de ofrecer tranquilidade ás súas familias. Trátase tamén de garantir a seguridade do resto da poboación. Se non coñecemos exactamente cantos infectados hai nas residencias galegas, non poderemos actuar eficazmente para frear a expansión do coronavirus", explicou.

O voceiro da coalición, que agrupa a Podemos, EU, Anova e mareas municipais como Compostela Aberta e Marea Atlántica, lembrou que REDE, a Federación Galega de Usuarios de Familias da Dependencia e Residencias, leva semanas denunciando que a Xunta non realizou as probas aos internos e traballadores das residencias da súa competencia, a pesar das evidencias que indican desde hai días que xa se produciu nelas un contaxio masivo. 

Ademais, usuarios e familias tamén teñen denuciado ante Fiscalía o trato "inhumano" que padecen nalgúns centros, e o feito de que as empresas que as xestionan non proporcionan ás traballadoras os medios que precisan para coidalos e combater os contaxios. "Sumámonos a esas denuncias e exiximos á Xunta que garanta que esas situacións non se repiten", salientou Eva Solla, número un da coalición por Pontevedra e líder de Esquerda Unida.

Implementar un novo modelo

Solicitan unha "reformulación do modelo de "privatización" destes centros "imposto" polo presidenta galego, Alberto Núñez Feixoo. "E o primeiro paso ten que ser unha actuación firme e decidida contra a COVID-19, intervindo de inmediato todas as residencias, realizando as probas de detección a todos os seus usuarios e traballadores, e garantindo transparencia absoluta e a colaboración total co Goberno do Estado", aseverou Gómez-Reino.

"Quen consiga ver máis alá da propaganda institucional do rexime de Feixoo poderá ver un país no que o ratio de prazas en residencias e do 3,05% sobre os maiores de 65 anos, moi por debaixo da media estatal, e cun 65% das prazas en mans de empresas privadas", apuntou Martiño Noriega, número tres na lista da Coruña da coalición para as eleccións que non se celebraron este domingo e membro de Anova, con datos do informe de fiscalización do Consello de Contas do ano 2015.

Noriega salienta que nos atopamos "nunha situación límite de emerxencia sanitaria, mais tamén de emerxencia social". "Son as consecuencias de dez anos de Goberno pensando no interese da empresa privada en vez de pensar no interese do ben común". Por iso, indicou, "cómpre reclamar un novo modelo que siga as mesmas recomendacións que fai o propio Consello de Contas cando di que "é necesario incorporar máis prazas públicas residenciais no sistema de servizos sociais da Galiza".

Comentarios