sábado 28.03.2020
Política

Galicia en Común-Anova Mareas propón "medicalizar" as residencias de maiores da Galiza

A coalición pide "actuar sen demora" e que a Xunta interveña nas residencias privadas para garantir "o coidado das persoas máis vulnerábeis". 
Martiño Noriega, Antón Gómez-Reino e Eva Solla nunha comparecencia (Galicia en Común).
Martiño Noriega, Antón Gómez-Reino e Eva Solla nunha comparecencia (Galicia en Común).

Galicia en Común-Anova Mareas urxiu esta terza feira ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, a que "exerza de presidente" e "actúe xa para medicalizar todas as residencias de maiores do país, tanto as públicas como as privadas", no ámbito das súas competencias en Política Social e das que lle faculta a orde do Ministerio de Sanidade publicada no Boletín Oficial do Estado

"Cómpre actuar sen demora e reforzar no inmediato a dotación de persoal e medios, debidamente equipados e protexidos, para o coidado das persoas máis vulnerábeis que requiren dun maior esforzo médico e asistencial extremadamente agravado pola pandemia da COVID-19 que nos azouta", exixiu o candidato da coalición, Antón Gómez-Reino, como xa fixera o pasado domingo na xuntanza telemática con Feixoo. 

"Estamos a pedir á Xunta que se medicalicen xa as residencias públicas e que o Executivo de Feixoo interveña tamén nas residencias privadas", insistiu Gómez-Reino, solicitando que o Goberno galego aplique a orde do Ministerio de Sanidade que faculta aos distintos territorios do Estado a intervir nas residencias privadas "en función da situación epidémica e asistencial, considerándoas como servizo esencial na loita conta a COVID-19".

"A Xunta ten que asumir as súas competencias, non só aplicando esta orde senón tamén indo máis alá deste documento", salientou o candidato da coalición, que se suma así á demanda das traballadoras de residencias como a San Carlos de Celanova, onde tan só hai 4 persoas para atender a 54 residentes sendo o foco máis grande de positivos por COVID-19 da Galiza, con 20 persoas contaxiadas e unha falecida. "Unha situación dramática que nos preocupa severamente e que comeza a ter réplica noutros centros galegos", lamentou Gómez-Reino.  

"O caso de Celanova é un dos moitos exemplos de privatización das residencias, cun 25% das prazas concertadas e no que vemos como a privatización da asistencia aos nosos maiores foi a peor solución. Precisamos un futuro onde apostemos decidamente polo público, sen escatimar esforzos e recursos", destacan desde a coalición.

Pola súa banda, Eva Solla puxo en valor o inxente traballo que están a facer as traballadoras e o persoal de coidados (nun sector altamente feminizado) "tanto nos centros públicos, con moitas eivas, como nos privados, onde o modelo de negocio que se impuxo na Galiza na última década se estivo a lucrar a costa de abaratar a asistencia, recortando en persoal e a calidade do servizo". 

Da mesma maneira, Martiño Noriega denunciou a acción privatizadora de Feixoo nos máis de dez anos do seu goberno. "Xa desde a súa primeira lexislatura decidíu privatizar residencias como as Viveiro, Vimianzo, Monforte ou Ourense para colocalas en mans de empresas como Geriatros", lembrou Noriega, para resaltar a importancia da "defensa do público como garantía colectiva da cohesión social para o futuro dun país que precisará de moitos esforzos colectivos, non só o benestar dos nosos maiores, senón do conxunto da sociedade, con particular atención aos colectivos máis vulnerábeis". 

comentarios