Galicia en Común di que "non se entendería" que Feixoo se situase con "Trump", "Johnson" e "Bolsonaro" nesta crise

O portavoz da coalición, Antón Gómez-Reino, demanda que os 22 hospitais privados da Galiza se poñan "de inmediato a disposición do sistema público de saúde". 
Martiño Noriega, Antón Gómez-Reino e Eva Solla nunha comparecencia (Galicia en Común).
photo_camera Martiño Noriega, Antón Gómez-Reino e Eva Solla nunha comparecencia (Galicia en Común).

O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, defendeu esta segunda feira o paquete de medidas aprobadas o domingo polo Consello de Ministras e instou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, a "manter a unidade das forzas políticas" en torno á idea de que "a saúde pública e a vida das cidadás están por riba de calquera outro interese".

Durante unha comparecencia telemática realizada desde o seu domicilio na Coruña, Gómez-Reino referíuse ás críticas de Feixoo á decisión do Goberno do Estado de estender as medidas de confinamento do estado de alarma a todas aquelas actividades económicas consideradas non esenciais. "Non se entendería que, no momento actual, Feixoo se situara no plano no que están mandatarios como Donald Trump, Boris Johnson ou Bolsonaro, que están a poñer problemas para paralizar o ámbito produtivo cando é obvio que o mecanismo que temos agora mesmo para defendernos como sociedade é o confinamento e o freo ordenado da producción", salientou. 

"Todas as medidas aprobadas no Consello de Ministras poñen o foco na defensa das traballadoras e da saúde, e na defensa común de todas nós como sociedade", defendeu Gómez-Reino, quen reiterou a mensaxe que xa trasladou á Xunta hai días: "antes de formularse o envío de doentes a instalacións deportivas para utilizalas como hospitais improvisados, Feixoo ten que exercer as súas competencias e poñer todos os medios da sanidade privada ao servizo da loita contra a epidemia da COVID-19".

Así, o portavoz da coalición lembrou que na Galiza hai 22 hospitais privados que contan con "2.285 camas, 563 médicos, máis de 1.700 profesionais da enfermería e instalacións quirúrxicas e de urxencias que deben poñerse de inmediato a disposición do sistema público de saúde".

"O modelo Ifema que está a empregar a Comunidade de Madrid está a derivar en múltiples problemas e non ofrece as debidas garantías. Hai que mobilizar todos os recursos da sanidade privada antes de meter aos doentes en polideportivos e pavillóns de mostras", aseverou.

Por outra banda, Gómez-Reino referiuse ao aprazamento "sen previo aviso" da xuntanza que Feixoo tiña previsto manter o domingo coas portavoces das forzas políticas galegas, que ficou adiada sen data. "Entendemos a carga de traballo que ten a Xunta", insistiu, "pero coidamos que é fundamental celebrar estas reunións con carácter semanal para poder trasladarlle ao Goberno galego as nosas propostas".

Comentarios