A futura alcaldesa de Ribadavia resulta vítima dunha campaña machista

Noelia Rodríguez coa deputada Marina Ortega. (Foto: PSdeG-PSOE)
Unha imaxe da política socialista, simulando unha portada da revista Interviú, circula polas redes sociais. Noelia Rodríguez vén de presentar unha moción de censura contra o Goberno local do PP da man de Ribeiro en Común. Agás sorpresa, será a primeira alcaldesa da localidade.

A líder do PSOE de Ribadavia e virtual alcaldesa da localidade após a presentación dunha moción de censura, Noelia Rodríguez, foi vítima nas últimas horas dunha "campaña machista" a través das redes sociais. Numerosas foron as persoas que amosaron seu apoio á política socialista, que topou cunha imaxe persoal manipulada para facer unha montaxe que simula a capa da antiga revista Interviú.

A distribución desta fotografía, cuxa orixe non transcendeu, coincide co ascenso practicamente feito até a Alcaldía de Ribadavia. O PSOE e Ribeiro en Común sumaron as súas sete concelleiras esta semana para presentar unha moción de censura contra o Executivo municipal do PP, que dirixe a vila en minoría.

Por iso, o previsíbel é que Noelia Rodríguez sexa a próxima en ter o bastón de mando. No entanto, o pleno será a final de mes.

Ademais será a primeira rexedora acompañada na tenencia de Alcaldía por Paula Rodríguez, de Ribeiro en Común. Pero esta nova aparece acompañada da campaña que onte denunciou a portavoz do PSOE no Congreso, Adriana Lastra, que condenou os feitos e amosou o seu apoio á compañeira.

Na mesma liña manifestáronse outros cargos do PSdeG como a deputada autonómica Marina Ortega. "Todo o meu apoio e recoñecemento á nosa compañeira @NoelinhaNoe, próxima alcaldesa de #Ribadavia, que está a ser vítima dunha campaña asquerosa e machista. Ánimo Noelia!", indicou Ortega a través da plataforma Twitter. .

Ademais, nun comunicado enviado aos medios denunciou o "intolerábel ataque machista e vexatorio" contra a "primeira muller que vai ser alcaldesa de Ribadavia". Igualmente pediu ao Partido Popular, que perderá o poder, a que condene a campaña "para evitar calquera tipo de complicidade con estes ataques públicos".

Ortega, que exixiu o “máximo e escrupuloso respecto” ao desenvolvemento dos cargos de responsabilidade pública por parte das mulleres, non foi a única en amosar o seu apoio a Noelia Rodríguez. De forma pública, numerosas persoas defenderon o seu bo facer e o seu futuro papel como rexedora nas redes sociais.

A última hora da tarde transcendeu que o popular César Fernández, aínda rexedor do municipio, amosou a súa repulsa pola campaña de desprestixio. O BNG tamén quixo expresar a súa solidariedade coa persoa proposta para a Alcaldía. "Non todo vale contra quen non pensa coma un. Condenamos enerxicamente todo intento de degradar a calquera persoa", incidiu o Bloque a través dun comunicado.