Moción de censura en Ribadavia

Os sete concelleiros de Ribeiro en Común e o PSOE veñen de acordar esa estratexia para apear a César Fernández Gil do cargo. Este viña dirixindo o municipio en minoría e coa moción queren que Noelia Rodríguez asuma a xestión do Concello.
O actual alcalde da localidade, César Fernández. (Foto: Concello de Ribadavia)
photo_camera O actual alcalde da localidade, César Fernández. (Foto: Concello de Ribadavia)

As e os edís do PSOE e Ribeiro en Común (RenC) do municipio de Ribadavia veñen de presentar unha moción de censura co obxectivo de apear do cargo ao alcalde do Partido Popular César Fernández Gil. A representación dos dous partidos acusa ao popular de "incumprimentos graves", polo que queren que a socialista Noelia Rodríguez pase a exercer como rexedora da localidade.

Ambos grupos suman en total sete concelleiras, dado que outro é do BNG e o PP goberna en minoría desde as pasadas municipais cunha representación de cinco edís. Agora, as socialistas e o partido local chegaron a un acordo para impulsar un executivo de coalición con Noelia Rodríguez como líder e Paula Rodríguez (RenC) no cargo de tenente de alcalde.

A moción de censura está motivada, afirman, polos "incumprimentos graves" do PP até o momento. En concreto, nun comunicado conxunto, fan referencia a que se saltaron compromisos políticos "máis fundamentais para o interese municipal, o que xerou unha perda de confianza da Corporación no actual alcalde, motivando unha situación política de desprestixio e deterioración do goberno".

"Ribadavia non pode continuar cun goberno que en plena crise social está instalado na promoción e en vender propaganda baleira", din no documento da moción de censura entregado. Desde o seu punto de vista, a situación "é insostible". "En crise como as que estamos a vivir, gobernos locais teñen que estar máis preto que nunca dos veciños, priorizando as necesidades máis esenciais", engaden PSOE e Ribeiro en Común.

En contraposición defenden unha xestión "de cambio, progreso e feminista". De feito, destacan que están a falar "do primeiro goberno municipal da historia de Ribadavia que estaría encabezado por mulleres".

Nos próximos días darán a coñecer a repartición de áreas entre concelleiras das dúas forzas políticas, así como a estrutura do equipo de goberno, do que Brais Fidalgo actuará como portavoz, pois o cambio de cor política dáse como feito. O PSOE e RenC xuntan sete edís fronte aos seis que teñen o PP (5) e o BNG (1).

A representante do Bloque declinou o convite para asinar a moción, pois a decisión do sentido do voto vai ser unha cuestión a analizar na "asemblea local". Así o aclarou o BNG a última hora de esta tarde, afirmando que en calquera caso trátase dun movemento que entra dentro da legalidade e da lexitimidade.

As prioridades desta unión son crear unha comisión municipal de seguimento da Covid-19 e a aprobación duns orzamentos "prometidos polo PP e que nunca chegaron, e que esta vez si aposten de maneira decidido polo gasto social de políticas públicas destinadas aos veciños máis afectados pola crise".

Comentarios